Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


As Highlands escocesas
Desde o norte de Escocia as orgullosas Terras Altas son reduto da herdanza celta
Son as Terras Altas unha rexión do norte de Escocia que se distingue polo seu relevo montañoso e o seu aspecto salvaxe, como se non pasase o tempo desde que a poboaran os celtas. Unha tribo que deixou a súa pegada na cultura ata o punto de que o gaélico escocés mantense en certa medida como lingua materna. Distínguese tamén a rexión polo seu maior predominio da actividade agrícola e gandeira, síntoma da sintonía do pobo coa natureza. É unha área escasamente poboada cuxa principal cidade é Inverness.
Paisaxes de lagos
imagen

A arrepiante natureza dos vales escoceses fai que mereza a pena unha ruta por esta terra bañada en lagos e envolta en bruma misteriosa. E é que cada recuncho das terras altas ten a súa historia e lendas. A medio camiño entre o reino do real e o ficticio un paseo por estas gretas transmite un cúmulo de sensacións de intenso verdor que desembocan en lagos e rías que se perden no océano. En Escocia a calquera masa de auga no leito dun val chámaselle ‘loch’, independentemente de que sexa doce ou salgada, e estas lagoas marcan indubidabelmente a visita.

A maior riqueza natural atopámola en románticos lagos como Loch Katrine, que se pode sucar en barco de vapor. Atópase no corazón do parque nacional de Loch Lomond & The Trossachs cheo de rutas para o sendeirismo. Outro dos recunchos afastados de toda civilización é Loch na Beiste, un lugar de fantasía marcado polo microclima que lle achega a cálida corrente do Golfo. Así, non é de estrañar ver palmeiras e outras especies subtropicais nos xardíns das súas inmediacións.

Outros conxuntos acuosos recomendábeis son Loch Maree, que custodia   tumbas viquingas nos seus illotes ou Loch an Eilean, inserido nun xeneroso piñeiral. Quen guste de internarse en lugares aínda máis escuros que non dubide en visitar Loch Morar, en cuxas profundidades habita Morag, un temíbel monstro popular ou espazos naturais emparentados co ocultismo como Witches Pool ou Dark Mile.

As profundidades de ‘Loch Ness’
imagen

Cada 'loch' ten o seu propio misterio, os seus monstros e as súas pantasmas que o habitan en soidade. O que máis transcendeu é Nessie, o Monstro do Lago Ness, de suposta forma de serpente, do que daba conta o evanxelizador San Adamnan na súa biografía do século VII. O certo é que ata o máis remiso a este tipo de crenzas non pode evitar contemplar a paisaxe en garda, co calafrío e coa excitación de ver aparecer algunha excepcional criatura. 

Xunto con outros tres lagos, Oich, Lochye e Linnhe, conforma o Gran Glen, unha enorme falla natural de orixe glaciar que secciona Escocia diagonalmente. A principios do s. XIX unha gran obra de enxeñería transformouno nun canal marítimo que une o norte do país co sur, sen necesidade de dar un rodeo. Percorrer esta falla tanto en barco, como en bicicleta ou en ruta sendeirista, ofrece a oportunidade de desentrañar os misterios destoutros lagos que tamén teñen as súas propias criaturas de lenda, así como contemplar castelos que traen á memoria a antiga Escocia, de heroes e fazañas bélicas.

Inverness e Fort William
imagen

Seguindo este trazado fluvial pódense visitar tamén os dous núcleos urbanos máis importantes da rexión. Ao nortea atópase Inverness, coñecida como a capital das Terras Altas. Rodeada de outeiros e bañada polo río Ness, é un importante enclave turístico que une a modernidade coa sinxeleza e o contorno rural. Na súa zona antiga pódense admirar vellos edificios mentres se fan unhas compras. Aínda que o seu gran monumento é o castelo no alto dun outeiro e as vistas que desde alí se obteñen.

 

No extremo sur está Fort William, o principal enclave das West Highlands, rodeado de altas cimas entre as que salienta Ben Nevis á que se pode acceder en funicular. Ofrece polo tanto algunhas das máis belas estampas de montañas da rexión, así como unha oportunidade para gozar dos deportes en contacto coa natureza. Cómpre visitar o West Highland Museum para coñecer todo sobre a cultura desta parte de Escocia que, por certo este 2007, celebra o seu ano grande. O museo propón un percorrido pola historia dos clans, pola lingua gaélica e polos seus traxes típicos onde salienta o 'kilt' ou faldra escocesa.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva