Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Merindades, ao norte de Burgos
No terzo setentrional da provincia atópase unha comarca que zumega rocha e verdor
Las Merindades é unha comarca burgalesa marcada pola ruralidade e polas paisaxes apenas alteradas. Montañas, vales, bosques, ríos, cascadas, covas e desfiladeiros son protagonistas dunha natureza recia e salvaxe. Desde a súa posición setentrional, coincidindo cos territorios historicamente denominados como Las Montañas de Burgos, limita con Cantabria, Biscaia e Álava e configúrase como un paraíso para amantes da historia, da arte e do turismo rural.
Correntes de auga e paisaxes de calcaria
imagen

A comarca é unha área de transición, unha suma de contrastes manifestados tanto no seu relevo como na súa vexetación. A súa configuración accidentada non se basea en grandes altitudes, senón na acción erosiva dos seus ríos, que labraron impresionantes paisaxes calcarias de cristas e depresións que chegan aos 400 m no val de Mena. A riqueza dos seus vales fana unha comarca indicada para realizar rutas e paseos admirando fenómenos caprichosos como gargantas, foces ou sucesións de meandros nunha paisaxe fluvial de auténtico espectáculo. 

Desde o Monte de Santiago, no límite co País Vasco, pódese observar un dos lugares máis impresionantes, o salto do Nervión, con máis de 300 m de desnivel. Salpicada atópase a zona de caudalosos saltos de auga en constante xogo coas rochas, aos que haberá que prestar a maior das atencións. Exemplos disto son as poderosas Fontes de El Cadagua, que brotan desde os Montes de La Peña, as cascadas de San Miguel e de Peñaladros no val de Angulo, os rápidos e as fervenzas de El Engaña, o Pozo de El Infierno ou a ponte natural escavada polo Nela en Puentedey.

Percorridos nos que o arrolo ou a violencia do son da auga sempre acompañará entre a espesura de húmidos bosques atlánticos. Faias, carballos, pradairos, bidueiros, acivros e abeleiras mestúranse con algunhas especies mediterráneas, o que pon de relevo unha realidade bioclimática peculiar. Isto propicia á súa vez que convivan nas súas terras as actividades gandeiras e pastorís propias dun ámbito montañés coa agricultura de cereal e horta. A man do home non foi capaz de dobregar esta fera natureza que acada a súa maior espectacularidade no frondoso faial de El Monte de Santiago ou nas brañas de Montija. 

Ojo Guareña
De valor excepcional é o complexo cárstico de Ojo Guareña. Este inmenso lugar de covas, próximo a Espinosa de los Monteros, ten uns 100 km de percorrido, é o maior de España e un dos dez máis importantes do mundo. O río Guareña introdúcese no interior do macizo, e dá lugar a este santuario rochoso. A vexetación do contorno componse principalmente de aciñeiras e os caxigos e os seus territorios son morada para numerosas rapaces, voitres, voitre branco, xabarís, raposo e gato montés. A visita ao complexo que discorrerá por sendeiros sinalizados, debe incluír a hermida de San Bernabé e a cova de El Ayuntamiento, así como o descenso ao sumidoiro que dá nome á zona.
Espinosa de los Monteros
imagen
Nun conxunto urbano disperso e montañés, sobresaen os palacios e torres señoriais de Espinosa de los Monteros. A vila debe o seu nome ao corpo fidalgo que custodiaba pola noite as estancias dos reis. Entre os seus monumentos salientan o Castillo de los Velasco, a igrexa de Santa Cecilia e o retablo da igrexa de San Nicolás. A praza maior presenta un conxunto de casas con típicos miradoiros acristalados, a Casa do Concello e o Palacio dos Marqueses de Chiloeches. Non hai que perder os produtos artesáns da zona, como queixos, manteiga, sobaos, queixadas ou manteigadas.
Medina de Pomar

Nunha zona de gran riqueza paisaxística sitúase Medina de Pomar, cun interesante conxunto urbano no que salientan o Mosteiro de Santa Clara e o espectacular Alcázar dos Velasco. Antigo enclave señorial á beira do río Trueba, a súa fundación atribúeselle aos mozárabes e máis tarde foi enclave señorial dos Velasco. Estes acometeron a edificación do petulante Alcázar, que na actualidade alberga o Museo de Las Merindades. A citada familia nobre, construíu tamén o Mosteiro de Santa Clara no que salientan valiosas pezas artísticas, ademais da súa igrexa e a fermosa capela da Concepción.

Na súa zona antiga, a localidade conserva un fermoso trazado medieval con pegadas da súa xudaría. Outras visitas imprescindíbeis son o Arco de la Cadena, o convento de San Pedro, as igrexas de Santa Cruz e de Nosa Señora do Rosario e o hospital de la Vera Cruz. Hoxe en día Medina é un dos núcleos máis urbanos da comarca, o que fai dela un importante centro de servizos e comercial, que ademais incrementa enormemente a súa poboación nos meses de verán. O seu contorno salienta polo seu interese paisaxístico e está delimitado polos vales de Mena e Tobalina e pola serra de Tesla.

Ermida de San Pedro de Tejada
Ermita de San Pantaleón de Losa
As vilas da comarca están ben resgardadas na súa fe con igrexas e ermidas, xeralmente románicas. O máis fermoso dos seus templos é a ermida de San Pedro de Tejada, na merindade de Puente-Arenas, do segundo terzo do século XII. No máis puro estilo románico burgalés, a súa estrutura é sólida e harmónica, cunha soa nave, ábsida semicircular e torre sobre a cúpula. A súa portada, as súas ventás e os seus capiteis están revestidos de abundantes gravados. Entre eles salientan os relevos da Ascensión e da Última Cea. Tamén os modillóns que soportan as cornixas da ábsida e as fachadas posúen un rico imaxinario, onde predominan temas lúdicos e eróticos.
  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva