 
Budapest, cidade das augas e os balnearios
|
|
|
 |
|
A capital húngara é internacionalmente famosa por unha tradición termal que data de tempos romanos
|
 |
|
Capital da Hungría moderna e europea, Budapest é tamén a cidade balneario por excelencia. Partindo das bondades das súas augas, os centros termais foron unha constante na cidade desde que os mananciais foran explotados polos romanos ata a dominación turca que implantou a tradición dos seus baños. Todo un luxo histórico que se constitúe como o aspecto máis atractivo da capital do Danubio.
|
 |
 |
|
Termalismo cotiá |
 |
|
Tal vez o que diferencie a Budapest de calquera outro enclave termal é o enraizada que está o costume dos baños. Ademais de reclamo turístico de primeira orde, gran parte destas instalacións son de uso cotiá entre a súa poboación. Por isto, relaxarse e deleitarse nas súas piscinas é unha experiencia que transcende o turismo de saúde, en tanto que se coñece parte importante da esencia cultural húngara. Máis aínda, a maioría dos numerosos baños de Buda ou de Pest son coñecidos só polas xentes do lugar. Hai tantos e tan distintos que é imposíbel resistirse a probar varios.
|
 |
|
Gellert |
 |
|
O centro máis coñecido e turístico por excelencia é Gellert, un palacio de 1918 de Art Nouveau. É un dos máis fermosos da cidade, no que proliferan máis os visitantes que os cidadáns. Hai espazos separados para homes e para mulleres, onde se ofrecen masaxes que liberan de todo tipo de tensións. Pero todos se dan cita na súa piscina turquesa, un dos máis agradábeis baños que se poidan tomar, alegrando tamén a vista coas súas columnas e azulexos multicolores. Unha experiencia rexeneradora nun entorno art decó que facilita a evasión.
|
 |
|
Király |
 |
|
Menos turísticos son os Király, porén dos máis fermosos de Budapest. Foron orixinalmente construídos no interior dunha fortaleza turca en 1566. As súas cúpulas octogonais bizantinas érguense entre as casas tradicionais. Tras atravesar o patio accédese a través de brancos corredores ata o corazón do edificio. É un pracer case divino bañarse na súa sulfurosa piscina circular mentres os feixes de luz se filtran pola cúpula reflectindo o vapor. Os días impares son dedicados ás mulleres e os pares aos homes, o que tal vez influiu en que pouco a pouco se convertese en lugar de encontro para a comunidade gay. |
 |
|
Luckacs |
 |
|
En Buda atópanse tamén os Baños de Lukacs onde poucos turistas se afondan e dos poucos onde a mestura de sexos si está permitida. Tanto que máis que en busca das saudábeis propiedades da auga sulfurosa, aquí vense en busca de compañía, polo que non estraña a algarabía reinante nin o cheo habitual. Mozos e vellos, maioritariamente locais, reúnense aquí en busca da súa media laranxa mentres a auga brota dos canos de bronce. Pode ser complicado facerse entender en inglés. |
 |
|
Szechenyi |
 |
|
O complexo termal de Szechenyi situado nun dos parques principais da cidade é outro dos máis turísticos. Tras franquear a súa entrada bizantina descóbrese todo un xardín acuático, con fontes monumentais e canais de augas termais. As súas augas a 40º posibilitan o baño exterior sen importar a temperatura ambiente. Dito conxunto de ar versallesco ofrece momentos idílicos en verán e profundos en inverno, só trastornados por unha certa masificación. |
 |
|
Baños Turcos |
 |
|
Máis hedonistas son aínda os baños turcos, repletos de xente e onde o pudor se perde entre densas cortinas de vapor. Pode que sexa o máis importante dos legados otománs, pola súa alta importancia dentro da vida social húngara. E é que o ambiente distendido dos bancos de mármore do ‘hammam’ emparéntanos máis cunha taberna que cun centro termal. Un dos máis famosos é o Rudas, no que a pesar de estar restrinxido para homes, organízanse festas mensuais nas que se permite entrar a mulleres e a tradición pervértese a favor da diversión con música de dj’s e efectos de luz. |
 |
|
Outras visitas |
 |
|
 |
| |
 |
|
Ao oeste do río, sobre os outeiros de Buda, álzase o Palacio Real ao que se accede a pé ou en funicular. De orixe medieval, as restauracións convertérono nunha amálgama de estilos. Alberga o Museo de Historia de Budapest e a Galería Nacional Húngara. Preto atópase a estatua de Turul, a aguia mitolóxica maxiar e o Barrio do Castelo, de estampa medieval. Máis ao norte está a zona de Óbuda, rica en restos arqueolóxicos romanos e maxiares, como o Anfiteatro ou as ruínas de Aquincum, vila do século I. Ao outro lado do río e nunha planicie está a zona este, Pest, coa que comunican nove pontes ao longo do Danubio. É o núcleo máis moderno, onde se concentra a actividade comercial, financeira e de ocio. Visitas aconsellábeis son a Ópera Nacional, a Gran Sinagoga ou a Academia de Música Franz Liszt. Igualmente fermosa é a Praza de Heroes co fastoso Monumento do Milenio ou o gran parque de Varósliget, moi transitado, ademais dos encantadores cafés, igrexas e casas barrocas ou art decó que poboan a cidade. |
|