Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Cantabria prehistórica
A historia da Cantabria Primitiva é moi rica, ao concentrar varios dos xacementos artísticos prehistóricos máis importantes a escala mundial. As covas de Altamira son o enclave emblemático, pero non o único. O Castillo, Cobalanas e Las Monedas, entre outros, son engarces esenciais na xoia patrimonial prehistórica da rexión.
Altamira
A excepcional beleza de Cantabria é tan real como lendaria. O seu patrimonio esténdese máis alá de onde acada a vista, tanto é así que as entrañas da súa fértil terra agochan un dos maiores tesouros, non só cántabros, senón de toda a humanidade. Numerosos asentamentos prehistóricos deixaron en covas testemuño da súas vidas en forma de arte rupestre.
O prodixio de Altamira
Cueva del Castillo

As covas de Altamira son o elo máis visíbel dos descubrimentos arqueolóxicos realizados en Cantabria, achado que se debe á fortuna. Quixo a casualidade que o can dun paisano se introducise nunha cavidade do outeiro próximo a Santillana del Mar. Este fortuíto suceso ocorrido en 1875 deu lugar a un dos achados prehistóricos máis importantes, recoñecido como patrimonio da humanidade pola UNESCO en 1985. 

A cova de Altamira articúlase en tres tramos que conflúen na estancia principal, o gran salón dos policromos, onde se atopan as espectaculares pinturas que levaron á concavidade a ser proclamada “a Capela Sixtina” da arte cuaternaria. Neste sector aparecen pinturas superpostas realizadas con distintos estilos e técnicas. Salienta o Gran Panel Policromo, integrado por unha vintena de bisontes, unha gran cerva, xabarís e multitude de signos. A súa composición data de hai máis de 14.000 anos.

A masiva afluencia de visitantes durante as décadas dos anos 60 e 70 puxeron en perigo a conservación das pinturas de Altamira, polo que a cova foi pechada ao público de forma indefinida.

O Padroado das Covas habilitou unha réplica, a Neocova. Esta reprodución rigorosa na que se combina a máis punteira tecnoloxía co exhaustivo coñecemento científico, brinda ao visitante a posibilidade de coñecer a beleza do salón principal da cova. 

A Neocova sitúase xunto á cova das Estalactitas e o Museo de Altamira, cuxo fondo reúne 400 obxectos do Paleolítico Superior, así como un gran número de reproducións e material didáctico.

As Covas do Monte Castillo
Cueva de las flechas

Na beira do río Pas ao seu paso por Puente Viesgo álzase o Monte Castillo, unha elevación calcaria que alberga cinco covas de excepcional valor arqueolóxico. 

A  cova do Castillo contén un dos conxuntos máis singulares da Prehistoria de Europa. Nela aparecen representados cabalos, bisontes e un mamut, entre outros. As referencias á figura humana céntranse na man, motivo que aparece en máis de 50 ocasións.

A Cova das Moedas ábrese a uns 675 metros da cova de El Castillo e é a máis extensa do entorno. Os seus 160 metros accesíbeis ao público son un auténtico espectáculo xeolóxico de estalactitas, estalagmitas, discos, columnas, terrazas colgadas e cheas de cores. Nunha pequena sala pódense contemplar figuras animais propios dunha fase climática fría. 

A cova de La Pasiega concentra un importante número de animais e signos pintados en ocre. Salienta entre os representados a figura dun peixe. 

No interior da cova de Las Chimeneas atópanse fermosísimas pinturas de animais, así como representacións abstractas. O último achado realizado no Monte Castillo foi a cova de La Flecha, que carece de pinturas rupestres. 

Outras covas
Cueva de la Pasiega

O extenso patrimonio prehistórico de Cantabria esténdese por todo o seu territorio. Outras covas de alto interese arqueolóxico son Covalanas, Chufín, El Pendo e Hornos de la Peña.

A cova de Covalanas ou a cova das cervas vermellas, localízase na ladeira nordeste do monte Pando. No seu interior, tras unha serie de puntos, aparecen figuras vermellas de animais.

No corazón do val de Camargo, xunto a Escobedo, atópase a cova de El Pendo, de ampla boca e vestíbulo. Entre o legado dos seus moradores salienta o "Friso das Pinturas", un panel de 25 metros de longo que contén unha vintena de figuras vermellas.

A cova do Moro Chufín atópase xunto á vila de Riclones, no val do río Nansa. Os seus moradores gravaron figuras sobre a rocha en suco ancho e profundo mediante abrasión.  Na parte máis interna da cova salientan as composicións vermellas. 

Entre Tarriba e San Felices de Buelna, na elevación coñecida como Hornos de la Peña, está a cova homónima, onde se atopan representacións de gran tamaño, entre as que salienta un singular animal antropomorfo cun brazo levantado e longa cola. 

Máis información

Consellería de Cultura, Turismo e Deporte. Goberno de Cantabria

www.culturadecantabria.com

reservascuevas@culturadecantabria.es 
Teléfono: 629 13 61 65


 

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva