Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Entroido de Colonia
A cidade alemá acolle anualmente “a quinta estación do ano”, unha tradición carnavalesca de 180 anos
Colonia é unha cidade alemá famosa pola súa Catedral gótica, polo río Rin, o seu chocolate e os seus doces e pola súa potente industria. Pero hai unha celebración que sen dúbida define a cidade, esa é o entroido, a festa máis grande e famosa, que inunda de ledicia e cor cada recuncho da vella urbe. Case unha semana de celebración na rúa, disfraces, cánticos, bailes e onde por suposto non falta a cervexa para os maiores e os caramelos para os cativos.
Tradición actualizada
Pallasos no Entroido de Colonia

Tipicamente o “karneval” celebrábase puntualmente cada 11 de novembro (undécimo mes do ano) e o disparo de saída dábase ás 11:11 en punto. Hoxe en día trasládase a febreiro, máis acorde co resto de axendas carnavalescas e dura desde o xoves ata o martes, do 15 ao 20 na presente edición, ten no desfile do luns a súa cita máis importante.

O entroido de Colonia é case tan vello como a propia historia da cidade. Hai 180 anos os coloneses xa o celebraban coa mesma organización de hoxe en día. É un dos maiores festivais de rúa europeos, xa que cada ano congrega a máis dun millón de espectadores nas rúas de Colonia, supera a outros reputados entroidos como o de Notting Hill londiniense.

Cada ano hai tres persoas, a chamada “Tríade de Colonia”, ás que se lle asigna os títulos de “Virxe”, “Príncipe” e “Granxeiro”, que pagan unha gran suma de diñeiro polo seus privilexios. O príncipe do carnaval é a figura máis relevante da festa, encargada de guiar os desfiles durante esa semana. O entroido ten ata un grito típico, “Kölle Alaaf!”, frase local que podería traducirse como “Viva Colonia”.

Comeza a festa

Os festexos comezarán o xoves día 15, coa celebración do “Weiberfastnacht” (Noite das Mulleres). Pola mañá cedo, as mulleres disfrázanse e diríxense á praza Alter Marka, onde ás 11:11 horas a Tríade de Colonia inaugura o entroido. As mulleres van polas rúas cortando as gravatas dos homes. Pola tarde sucédense os xogos carnavalescos e pola noite segue a festa con bailes de máscaras.

O venres pola mañá, aínda seguen as boqueadas da verbena, pero a partir das 14:00 un pequeno tren dá unha volta pola cidade, facendo as delicias dos nenos. Xa ás 16:30 comeza “Sternenmarsch”, a marcha das estrelas polo centro de Colonia.

O sábado dá comezo na praza Neumarkt o “Funkenbiwak” e pola tarde todo se inunda de personaxes disfrazados. Ás 20:00 comeza o Desfile dos Fantasmas. O domingo ten lugar o desfile “Schull- un Veedelszöch” ás 11:00 horas. O centro de Colonia énchese de grupos das escolas que desfilan cos seus orixinais traxes. E, como todos os días. a xornada péchase con festas e bailes de máscaras.

Rosenmontag
O gran desfile de disfraces de Colonia

O gran desfile de disfraces de “Rosenmontag” celébrase o luns. Liderado polas citadas tres figuras carnavalescas, esta espectacular cabalgata de comparsas é o acto máis importante e colorido das festas. Isto testemúñao o gran número de persoas que se  congregan na rúa para velo, este ano baixo o lema “Mir all sin Kölle!” (Todos somos Colonia!). Centos de carrozas, xigantes, bandas de música, cabalos e, por suposto, unha multitude disfrazada. Comeza ás 10:49 horas da mañá pero a festa continúa ata ben entrada a noite en pubs, restaurantes e salas de festa.

O Martes de entroido é o día en que se queima o Nubbel polos pecados cometidos nos días festivos e pola tarde as comparsas e os grupos desfilan polos barrios da cidade. O Mércores de Cinza é a xornada final da festa e revélase ideal para degustar os típicos pratos de peixe que serven en todos os bares e restaurantes de Colonia.

Entroido alternativo

A organización encargada de celebrar o entroido é o Festkomitee Kölner Karneval, que foi fundada en 1823. Non obstante, como todas as festas eminentemente populares que se precen, o entroido medra alleo a clixés. Por isto, desde a década dos 80, véñense desenvolvendo unha serie de actividades non relacionadas con este comité, o que se coñece como entroido alternativo.

Todo comezou en 1984 cunha “Stunksitzung” (obra de teatro burlesco) e co tempo foise convertendo nunha proposta tan sólida como a oficial. Entre a súa gran oferta cabe salientar tamén o “Geisterzug” ou desfile dos fantasmas e a “Nubbelverbrennung” que consiste na queima dun boneco de palla. A popularidade do entroido que celebra a comunidade gay tamén é cada vez maior e o seu gran acto é a chamada “Reunión Rosa”.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva