Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Champagne-Ardenne: berce do champagne e da trufa
Esta histórica rexión francesa chea as copas cada Nadal coa súa dourada bebida
A rexión francesa de Champagne-Ardenne é unha área marcada pola historia. Situada ao nordeste do país galo e na fronteira con Bélxica, atópase cuberta por fértiles campos que fan estas terras acredoras dun gran potencial agrícola. Aquí salientan produtos como a cebada, alfalfa ou a remolacha, pero o que sen dúbida dá nome á rexión son prezadas delicias como a trufa ou especialmente o champagne.
Históricas paisaxes

E é que desta rexión de chispeante natureza emerxe cada ano o viño que protagoniza o Nadal e a visita inclúe indagar nos secretos da súa elaboración a partir das súas paisaxes ondulantes cheas de vides. Como testemuño da historia que atesoura a rexión, existen dúas relevantes tumbas asiduamente visitadas. Os restos do célebre xeral Charles de Gaulle repousan no cemiterio municipal de Colombey-les-deux-Eglises e outro personaxe moi diferente fai o propio na abadía de Hautvillers. Trátase de Dom Pierre Perignon, o beneditino que descubriu o champagne accidentalmente. 

A ruta do líquido burbulleante discorre entre Reims e Troyes a través de vilas onde o visitante é recibido polos produtores. Estes explican as lendas e prácticas sobre a alquimia do viño nas bodegas de Moët Chandon, Mercier, Drappier, G. H. Mumm Cie, Piper-Heidsieck, Vranken Pommery, Veuve-Clicquot Ponsardin, enormes templos subterráneos onde se fermenta o corpulento Pinot Negro, o afroitado Pinot Meunier e o fino Chardonnay. 

Na exploración das súas paisaxes hai que descubrir un entorno natural de ríos, lagos, bosques e canais. Gran parte das súas correntes fluviais e embalses son navegábeis e ofrecerán magníficos e tranquilos paseos, sen esquecer o Lac du Der-Chantcoq, o lago artificial máis grande de Europa. Este paraíso vese rematado con castelos, catedrais e igrexas en cidades de aparencia aínda medieval como Troyes ou a urbe fortificada de Langres, coas súas belas casas renacentistas cinguidas entre as murallas.

Reims, cidade de reis

Capital absoluta da rexión, Reims sitúase a beira do río Marne a uns 140 km. de París. Desde o ano 496, en Reims reside o poder divino que investía aos monarcas, lugar de coroación ao abrigo da maxestosa catedral de Notre-Dame, coas súas finas esculturas, altas fiestras e rosetóns con vidreiras. A cidade foi moi castigada durante a Primeira Guerra Mundial, pero conseguiu manter unha imaxe gloriosa. O seu protagonismo na II Guerra Mundial foi incluso maior, ao asinarse aquí a rendición de Alemaña. 

Conta cunha riqueza monumental que cualifica algúns dos seus recunchos como Patrimonio Mundial da UNESCO: a Catedral, o Palacio do Tau, a Basílica e a antiga Abadía Románica de Saint-Rémi, reconvertida en museo de arte e arqueoloxía. Aínda que parte da súa beleza se oculta tras o Rond-Point Pommery, que leva ao mundo subterráneo de túneles bodegueiros. Aquí pódese facer unha primeira cata da beberaxe á que dá nome a provincia. 

Bosques e fortalezas

Saíndo de Reims penétrase no Val do Marne, onde o champagne parece omnipresente entre luxosas mansións e antigas igrexas. Epernay é considerada capital do espumoso, xa que as bodegas máis importantes teñen as súas sedes na avenida principal, ademais de existir un museo dedicado a el. As vistas merecen a pena, tanto mentres se realiza un pequeno cruceiro polo Marne, cos viñedos ás beiras como desde as alturas da fortaleza de Boursault , desde onde se poden apreciar as parcelas e os castelos ocultos na densidade boscosa. 

A pegada das guerras queda patente no traxecto a Châlons-en-Champagne; cráteres de obuses, vestixios de trincheiras, memoriais e cemiterios rememoran aciagos tempos. A cidade destaca por un discreto encanto provincial con casas de armazón de madeira que conviven con moradas burguesas de ladrillo vermello. Máis lucida é Troyes, estampa medieval que conserva casas do século XVI, nunha arquitectura típica da campiña. Bos exemplos son a Torre do Ourive e a Casa do Panadeiro, que conservan as pequenas poleas coas que se subían as mercancías. Interesantes son as súas nove igrexas e variados museos. Preto atópase Chaumont, cidade sosegada na que salienta o seu viaduto e a torre do antigo alcázar. Nos seus campos, os paisanos buscan as trufas acompañados dos seus cans olfacteadores. 

Alquimia da uva

Ao sur sitúase por fin Côte des Bar, cuxas ladeiras se atopan bañadas por néctar dourado. Uns 25.000 hectáreas producen nos seus viñedos a uva máis selecta, necesaria para respectar a denominación de orixe. As cepas brotan do solo calcario e precisan unha temperatura media anual de 10 graos como mínimo para xerminar correctamente. Para impedir que as viñas se conxelen no inverno, sobresaen na paisaxe xigantescas aspas de ventiladores que manteñen o clima idóneo. 

Dentro da bodega, apréndese que unha gran parte da uva empregada corresponde á variedade negra Pinot Noir, prensada con delicadeza para obter un mosto branco sen deixar rastro do vermello da pel. O case máxico proceso débese a unha combinación do fresco clima da rexión e a rapidez de crecemento da vide. A colleita realízase a finais do outono, recollendo uvas ricas en azucre, que os lévedos non chegan a converter en alcohol por completo. Durante a primavera, a alquimia continúa na botella, onde se xeran burbullas de dióxido de carbono, para finalmente repousar nas frescas bodegas entre tres e oito anos.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva