Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Comunidade Valenciana
Distinguida pola súa extensa liña litoral e o seu benigno clima todo o ano, a Comunidade Valenciana é unha das rexións máis turísticas do país.
Ao leste da Península Ibérica, encaixada nunha franxa de costa entre Cataluña e Murcia, atópase esta comunidade mediterránea que ten no turismo un dos sectores máis destacados da súa economía. A súa xeografía divídese en interior e costa, atesourando así unha fascinante dualidade de mar e montaña ao alcance do visitante.
Natureza
Natureza

O espírito mediterráneo queda reflectido con esplendor en terras e augas da comunidade. Un sol eterno que baña augas azuis, grises acantilados, douradas praias e montañas de profundo verdor. A natureza e a tradición converten esta rexión nun paraíso para descubrir polos amantes do turismo rural. 

Preto de 20 Parques Naturais coas súas enraizadas vilas agardan o visitante, especialmente no interior. Nestes tranquilos lugares atopará inesquecíbeis rutas polas súas accidentadas serras como a do Maestrat, o macizo do Caroig, Penyagolosa, Crevillente, Carrascal ou Aitana. Outros parques naturais importantes son o da Albufera en Valencia, as Salinas de Santa Pola ou o de Penyal D'Ifac en Calpe.

Praias e costas
Cala de Valencia

O maior tesouro turístico da comunidade son as súas praias, algunhas de grandes dimensións, outras máis agochadas e solitarias, pero todas de primeira liña. As tres provincias comparten esta prezada quilometraxe de chaira litoral, unha elección segura para gozar das vacacións entre areas suaves e lagoas. Cunha xeografía e dotación de servizos similares están as praias de Alacant na Costa Blanca, as de Benidorm, as de Valencia ou as de Castelló, Costa Azahar.

As bondades do clima mediterráneo, con veráns calorosos e suaves invernos,  propicia unha vida enfocada cara a costa, en cuxas cidades se concentra a maioría da poboación da comunidade. E non é de estrañar xa que o termómetro raramente baixa dos 15 ºC en ningunha época do ano. Por isto as cidades máis activas atópanse mirando cara ao mar, como as tres capitais de provincia, Elche, Alcoy, Sagunto ou Gandía.

Parques de ocio
Na liña do turismo estival, a comunidade ofrece parques acuáticos e temáticos que converten a Costa Blanca, Benidorm, Valencia Terra i Mar e Castelló Costa dels Tarongers en destinos de ocio preferentes. Complexos como Terra Mítica en Benidorm ou a Cidade das Artes e as Ciencias en Valencia, dan forma a unha oferta de entretemento exclusiva.
Localidades monumentais
Cidade das Artes e as Ciencias

A cara monumental da Comunidade Valenciana é outro dos encantos desta terra soleada. Así sucede en Valencia capital, con espléndidas mostras do gótico como La Lonja e o famoso campanario Miguelete. En Alacant destaca o almohade Castelo de Santa Bárbara, mentres en Castelló os edificios que máis locen son a Igrexa de Santa María e a casa do concello. En plena Costa dels Tarongers non hai que perder localidades medievais como Peñíscola, Oropesa ou Morella, con restos de murallas e fortalezas daquela época.

Gastronomía. A paella, raíña da mesa.
Paella

Co arroz como produto valenciano por excelencia, a paella é a gran embaixadora da comunidade en todo o mundo. Un prato que comezou a se preparar con motivo de celebracións e hoxe é símbolo non só de Valencia senón de España en todo o mundo. Pero non hai que reducir a esta especialidade o uso do prezado cereal. Outros preparados típicos son o arròs amb perdiu, o arròs al forn, o rossejat, o arròs a banda ou o arròs amb costra.

Tamén hai que salientar unha rica cociña de culler coas potas de legumes e carnes ou cos produtos da horta, un recurso moi exportado. De hortalizas e verduras saen pratos como a ensalada valenciana e o bullit ou verduras fervidas. Pola súa parte os cítricos son de alta calidade, ten especialmente relevancia a laranxa valenciana. O mesmo pode dicirse dos turróns de Xixona e Alacant, elaborados con améndoa e as denominacións de orixe de viños de Alicante, Utiel-Requena, Valencia ou Cava.

Terra de festas

As festas desta rexión levantina veñen marcadas con lume no calendario. Celebracións como as Fallas valencianas en honor a San Xosé ou as Fogueiras de San Xoan en Alacant celebran a primavera e o verán nun espectáculo de luz e cor. Outras festas de renome son as de Mouros e Cristiáns, especialmente en Alcoy, o Misteri d’Elx, a Tomatina de Buñol ou as celebracións de Semana Santa e o Luns de Pascua, en todos os municipios.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva