|
|
 |
|
As tres provincias vascas forman un quebracabezas setentrional de mar, montaña, ruralidade e modernidade
|
 |
 |
|
Bilbao |
 |
Vibrante amálgama de tradición e modernidade, Bilbao é o maior núcleo poboacional do País Vasco. Unha década hai xa desde que un novo Bilbao fora articulado en torno ao Guggenheim, o espectacular edificio de titanio que atrae desde a beira do Nervión a un millón de visitas anuais. Un paseo polos seus arredores merece a pena, gozando das esculturas dispostas ao ar libre ao longo da Ría. Así se chega ata a Zona Vella, para descubrir o Bilbao de sempre. O pracer dos “pintxos” e o “poteo” mestúranse con foros como o parque do Arenal, a porticada Plaza Nueva ou o mercado de La Ribera. Entre os seus edificios emblemáticos están a barroca igrexa de San Nicolás, o Teatro Arriaga ou a gótica Catedral de Santiago.
|
 |
|
Cara o mar |
 |
Os tentáculos do Bilbao metropolitano esténdense cara o mar por ambas marxes da Ría. A esquerda caracterízase polos restos de paisaxes industriais, onde salienta a Ponte Colgante de Portugalete, recentemente nomeada Patrimonio da Humanidade. Na cara oposta están as vilas da Marxe Dereita, coas súas praias e palacios señoriais. Seguindo a costa cara Guipúscoa aparecen vilas de interese como a localidade pesqueira de Bermeo, os enclaves surfeiros de Bakio ou Mundaka e o máxico penedo coa ermida de San Juan de Gaztelugatxe. Afondándose na ría de Gernika, atravésase a reserva da biosfera de Urdaibai ata zonas como as covas de Santimamiñe ou o colorista Bosque de Oma. Visita obrigada é Gernika, símbolo do pobo vasco, tanto polo bombardeo como pola mítica árbore da Casa de Juntas.
|
 |
|
Biscaia interior |
 |
|
Cara o interior occidental descóbrense vilas de pegada medieval como Sodupe, Zalla ou Balmaseda, coas súas rúas e ponte romana. Pola súa parte os vales do Arratia e Nervión levan aos límites con Álava e as terras dominadas polo Gorbea amosando inabarcábeis espazos montañosos salpicados de casaríos. Na zona leste deste interior, a comarca do Duranguesado goza dunha paisaxe montañesa chea de igrexas e ermidas, e vilas con herdanza monumental como Durango e Elorrio, coas súas casas brasonadas.
|
 |
|
San Sebastián |
 |
 |
| |
|  |
“La Bella Easo” fai honor a este sobrenome sendo a capital vasca máis fermosa, en plena costa. A alta concentración de bares e restaurantes da súa Zona Vella faina toda unha lenda dos “pintxos”. A praza da Constitución, antigamente usada como coso taurino, está rodeada de soportais e presidida pola primitiva Casa do Concello. Haberá que visitar a gótica igrexa de San Vicente e o museo de San Telmo antes de afondarse na basílica de Santa María. Na zona do peirao é de digna admiración o ambiente pesqueiro, así como o Museo Naval e o espectacular Aquarium. A nova Donostia preséntase cos dous cubos do Kursaal. Cruzando o río está o teatro Victoria Eugenia, un dos máis populares edificios xunto ao hotel María Cristina. O percorrido pode continuar ata a praza de Gipuzkoa, cos seus xardíns e un estanque con cisnes próximo ao edificio da Deputación. Despois haberá que aproximarse ao emblemático paseo de La Concha e continuar ata o palacio de Miramar, de estilo inglés. A seguinte praia é a de Ondarreta, cuxo paseo culmina en El Peine de Los Vientos, espectacular conxunto escultórico de Chillida, cuxo museo de Hernani tamén haberá que visitar.
|
 |
|
Vilas pesqueiras e surf |
 |
|
Pola costa guipuscoana podemos atopar enclaves de fermosas praias gorecidas por montañas. Así é Zarauz, a vila surfeira por excelencia, ou Getaria, de ambiente máis mariñeiro e berce do txakoli. Seguindo a costa cara Biscaia atópase Zumaia, Pasajes ou Hondarribia, vilas litorais de gran beleza, esta última cunha fermosa zona histórica amurallada. |
 |
|
Guipúscoa interior |
 |
|
Menos típica pero igual de valiosa é a estampa das vilas guipuscoanas de interior. É o caso de vilas históricas sumidas en vales como Tolosa ou Ordizia, con abundante pegada monumental. A zona do val do Urola somerxe ao visitante nun entorno medieval no que salientan a zona antiga de Cestona, Azpeitia e o Santuario de San Ignacio de Loyola. Non hai que esquecer a señorial vila de Bergara no val do Deba. |
 |
|
Vitoria |
 |
|
 |
| |
 |
|
Capital da comunidade e única do interior, Vitoria conta con espléndidos museos como o de Belas Artes, o de Arte Sacra coa súa cripta e vidreiras, así como o moderno Artium. Tamén hai outros lugares de esparexemento como o romántico parque de La Florida. Non hai que esquecer o palacio de Ajuria-Enea, sede da presidencia do Goberno Vasco e residencia do Lehendakari. Conserva unha zona medieval presidida pola catedral de Santa María. As súas rúas forman unha rede en forma de améndoa que parte da Plaza de la Virgen Blanca. Haberá que prestar atención a señoriais palacios como o de Villasuso, o de Montehermoso ou o de Bendaña, que alberga o Museo Fournier de Naipes. Sobre unha muralla atópase a Catedral de Santa María a cuxas costas pódese ver El Portalón, edificio medieval ladrillado. A zona urbana da capital alavesa está rodeada por un anel de parques naturais, santuarios románicos e torres que conforman un bonito percorrido no que salienta a basílica de Estíbaliz, templo dedicado á patroa de Álava.
|
 |
|
Álava fronteiriza |
 |
|
Nas terras limitantes con Biscaia atópase o Val de Ayala, zona de torres fortificadas, casas de liñaxe e santuarios de montaña. En Kexaa-Quejana atópase o conxunto medieval dos Ayala, que consta do palacio, o convento das Dominicas e a torre da Virxe do Cabelo. Ao nordeste, os embalses de Urrunaga e Ullibarri, ofrecen fermosas paisaxes en torno ao parque de Urkiola. Outros parques naturais son o de Valderejo, coas terrazas brancas de Salinas de Añana ou o desfiladeiro do río Purón e o de Izki, en cuxos arredores se descobren as covas de Faido, que amparan a ermida cristiá máis antiga do País Vasco.
|
 |
|
Patria do viño |
 |
|
A zona da Rioxa Alavesa está chea de historia medieval e aroma de viñedos, con multitude de vilas amuralladas, fermosas igrexas, palacios e sobre todo bodegas. Laguardia-Biasteri é a monumental capital do viño, que conserva as súas murallas e unha vila prehistórica nas súas aforas. En Elvillar pódese visitar o dolmen da Chabola da Feiticeira. Na comarca de Salvatierra-Agurain agarda unha ruta de pinturas murais, ademais dos dolmens de Sorginetxe e Aizkomendi.
|
|