|
|
 |
|
A cidade alemá acolle cada cinco anos unha mostra internacional de arte de vangarda
|
 |
Kassel é unha vila alemá situada na parte central do país. É un enclave moderno, duns 200.000 habitantes, conformado por unha serie de barrios residenciais á beira do río Fulda. No seu trazado urbano e nos nomes dos seus recunchos déixase ver a súa influencia francesa e a súa extensión vese dominada polos tranvías, o seu sistema de transporte urbano por excelencia. O seu monumento tradicional máis importante é a estatua de Hércules no alto dun outeiro, pero hai outro atractivo cultural que fixo á cidade internacionalmente famosa. Trátase da Documenta, unha exposición de arte contemporáneo que se celebra con carácter quinquenal, sempre durante os meses de verán na que participa toda a vila.
|
 |
|
Achegar a arte moderna á vila |
 |
Esta feira naceu en 1955 promovida por Arnold Bode, pintor e profesor da academia de Kassel, en principio como unha exposición dentro do programa do Bundesgartenschau, feira dedicada á horticultura. Presentábase como unha reconstrución histórica e documental a través das correntes artísticas en auxe por aquel entón, como o fauvismo, expresionismo, cubismo, futurismo, pintura metafísica, etc. En realidade, a intención de Bode era didáctica, de achegar a arte ao pobo, en especial aos obreiros. A pesar do repentino da súa creación foi a posteriori todo un éxito, dado que alí se deron cita artistas verdadeiramente influentes como Pablo Picasso ou Wasily Kandinsky. No Museum Fridericianum concentrábanse un total de 570 traballos con representación de seis países europeos, que redefinían o concepto de arte modernista.
|
 |
|
Plan quinquenal da arte |
 |
Foi o historiador da arte Werner Haftmann o que pensaría en repetir a experiencia cada 5 anos, buscando novas remesas de artistas que simbolizasen a vangarda. En realidade os obxectivos eran varios, dada a opresión da arte abstracta en tempos do nacionalsocialismo. Por un lado pretendíase dar a coñecer as achegas internacionais na primeira metade de século e á vez, fomentar o papel da xuvenil arte alemá neste escenario. A última edición antes do cambio de milenio foi a de 1997, a número 10. Celebrouse por todo o alto a modo de retrospectiva. Na última edición, a de 2002, esta exposición, coñecida como o museo dos 100 días pola súa duración, recibiu 650.000 visitantes. Agora o Fridericianum continúa sendo o foco principal da exposición, pero a mostra invade outros centros culturais de Kassel como o documenta-Halle, o Orangerie, o Kulturbahnhof e o Binding-Brauerei.
|
 |
|
Unha mostra aberta ao mundo |
 |
Este 2007 ten lugar a súa edición número 12, do 16 de xuño ao 23 de setembro, con Roger de Buergel como director artístico. De 10:00 da mañá a 20:00 da noite os edificios da feira abrirán ofrecendo ao visitante a posibilidade de gozar dunha completa paleta de arte moderna multidisciplinar. E é que mentres que nos seus inicios a mostra interesábase en especial pola pintura abstracta europea, agora é unha feira cada vez máis aberta a todos os continentes. A maioría de críticos de arte coinciden en que é unha das exposicións de arte máis importantes do mundo, sendo só comparábel coa Bienal de Venecia e para esta nova edición espérase un novo aumento no número de visitantes.
|
 |
|
Obras permanentes |
 |
|
|
| |
 |
|
Das obras expostas nas diferentes edicións de documenta, poucas son as elixidas para formar parte do patrimonio da cidade. Un pequeno número das obras expostas permanecen nos seus museos. Salientan, porén, os traballos exteriores, en especial o proxecto “7000 carballos” de Joseph Beuys ou a instalación láser de Horst H. Baumann, despois reactivada como “Laserscape Kassel” e que aínda segue en funcionamento. No Instituto Heinrich-Schütz descansa o “Tía Olga”, un buque fabricado en poliéster que evoca a un barco de papel, obra de Anatol Herzfeld. Na céntrica Friedrichsplatz, Walter de Maria realizou unha perforación dun quilómetro en vertical e encheu o burato con barras de latón macizas. Esta complicada infraestrutura resulta moi discreta no aspecto visual tan só apreciándose unha chapa no centro da praza co corte transversal da barra. Moito máis vistoso á beira do río Fulda é o enorme pico que Claes Oldenburg cravou na sétima edición, en 1982, sendo unha das imaxes máis internacionais de Kassel. Tamén o é o “Man walking to the sky”, de Jonathan Borofsky, unha alongada barra metálica en cuxo extremo superior a imaxe dun home camiña cara o ceo ou algunha das figuras de “Fremde”, obra escultórica de Thomas Schuettes.
|
|