Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


O encanto montañés dos Vales Pasiegos
O núcleo de Cantabria encerra unha bisbarra celosa das súas tradicións. Nos vales pasiegos aínda se practica a transhumancia e as mulleres portan o xénero en cestos de vimieiro denominados cuévanos. O tempo deslízase lentamente entre os tellados de lousa das cabanas pasiegas
Liergano

A bisbarra pasiega, en pleno corazón de Cantabria, está constituída por dezaseis municipios que se distribúen entre os vales do Pisueña, Pas e Miera, onde perseveran as costumes atávicas dos seus primeiros moradores. Na linguaxe pasiega, fálase de “muda” cando se trasladan útiles do fogar das cabanas dos pastos baixos aos altos, as mulleres empregan o cesto de vimieiro trenzado con varas de abeleira chamado cuévano e os pasiegos o “palancu” para vadear os arroios. No seu berce elabóranse de maneira tradicional os afamados sobaos, a doce queixada ou o tenro quesuco. 

Un dos principais atractivos turísticos da bisbarra é o Parque de Cabárceno, onde os seus animais conviven en condicións de semiliberdade. Porén, os vales agochan moitos recunchos cuxa singular beleza en comuñón coa natureza ben merecen unha visita. 

Puente Viesgo, enclave prehistórico
Parque de Cabarceno

Puente Viesgo enclávase na zona setentrional do val de Toranzo e polo seu núcleo transcorre o emblemático río Pas. Os seus principais reclamos turísticos, ademais da beleza das súas complicadas rúas, son o balneario e o conxunto de covas prehistóricas do Monte Castillo. 

O conxunto arqueolóxico do Monte Castillo representa un dos achados máis importantes no ámbito europeo. Confórmano cinco covas, El Castillo, Las Monedas, Las Chimeneas, La Pasiega e da Flecha. En todas elas, a excepción da última, pódense observar pinturas rupestres de excepcional beleza. 

O balneario data do século XVIII. A súas instalacións nútrense das augas medicinais que foron declaradas de utilidade pública en 1862. 

Encanto medieval na vila de Selaya
Rio Pisueña

A vila de Selaya ofrécelle ao visitante un excepcional conxunto arquitectónico de orixe medieval composto de casas maxestosas, casas populares, igrexas e ermidas, construídas entre os séculos XV e XIX. 

O Santuario de Nuestra Señora de Valvanuz é un dos monumentos máis significativos de Selaya. Construído no século XVII, a súa sinxela ermida alberga unha imaxe gótica da Virgen de Valvanuz, padroa do val de Carriedo e motivo de gran devoción entre os pasiegos.

Entre as xoias arquitectónicas de Selaya salientan o palacio Donadío, coa súa torre de cubos angulares rematados en pirámide e as casas de Arce, Reinoso e Miera. 

Liérganes, tesouro histórico
Villa Carriedo

O conxunto urbano de Liérganes foi declarado de interese histórico-artístico nacional en 1978, pola súa valiosa arquitectura clasicista dos séculos XVII e XVIII.

O Mercadil é a parte máis antiga de Liérganes, un conxunto histórico composto polas tradicionais casas, o Palacio de Rañada, Cuesta-Mercadillo, a igrexa de San Sebastián, a parroquial de San Pedro Ad Víncula, as casas dos Setién e os Cañones, as capelas do Humilladero e o Carmen e a ponte nova. 

O museo-palacio de Elsedo, situado na localidade de Pámanes, é fiel representante da arquitectura de casona barroca cántabra, coa súa complicada planta que confire certa independencia ás súas edificacións. Na actualidade, a casona alberga obras de arte moderna, de artistas tan relevantes como Pablo Serrano ou Chillida, entre outros.

Villacarriedo, xoia do barroco

Aos pés do río Pisueña, entre praderías e ladeiras, érguese a poboación de Villacarriedo. A capital do val de Carriedo alberga unha das maiores xoias arquitectónicas barrocas da rexión, o palacio de  Soñanes, proxectado por un arquitecto italiano durante o século XVIII. Erixido no centro dunha gran finca con rico arborado, impresionan as súas fachadas profusamente ornadas. 

Preto atópase o colexio dos escolapios, cuxa actividade foi constante desde a súa fundación en 1746. 

Vega de Pas, tradición perpetuada
Cuevano

No linde con Burgos, a Vega de Pas é unha das tres vilas pasiegas constituída na época medieval. Neste encantador reduto mundano, a perpetuidade dos costumes e as tradicións pasiegas confiren un dos principais atractivos para o visitante. As tradicionais cabanas, construcións rústicas con tellado de lousa que albergan a vivenda familiar e a cuadra, seguen formando parte da paisaxe dominante. 

Entre a súa arquitectura monumental salientan a igrexa parroquial do século XVII e o sanatorio do Doctor Madrazo, do XIX. A praza de Vega de Pas conserva parte da arquitectura emblemática da comarca, concentrada nas súas casas montañesas con balconadas. Resulta indispensábel a visita ao Museo Etnográfico das Tres Villas Pasiegas: Vega de Pas, San Pedro del Romeral e San Roque de Riomiera. 

MÁIS INFORMACIÓN:
  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva