Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


O Madrid dos Austrias
Madrid acadou a súa maior prosperidade monumental durante o reinado dos Habsburgo. Estes edificios renacentistas e barrocos forman hoxe un percorrido histórico que se coñece como o Madrid dos Austrias
Plaza Mayor
Dentro do legado monumental da capital española, a ruta polo Madrid dos Austrias é un dos percorridos máis pintorescos. Trátase dunha viaxe polos edificios da época en que a dinastía dos Habsburgo reinou en España. Este próspero reinado comezou con Carlos I, que engalanou a Vila con palacios e monumentos e acadou o seu maior esplendor cando Filipe II a converteu en 1561 na capital do reino.
Do km 0 á Plaza Mayor
Ayuntamiento

Non hai mellor punto para comezar o percorrido que a Puerta del Sol, símbolo madrileño por excelencia e quilómetro 0 das estradas españolas. Desde aquí hai que dirixirse pola Calle Mayor ata a praza do mesmo nome. Esta praza de forma regular con soportais foi construída no século XVII por orde de Filipe III. 

Desde entón foi testemuña de moita historia madrileña, desde corridas de touros ata autos de fe en época inquisitoria, procesións, festas e incluso execucións. Na actualidade os domingos pola mañá ten lugar baixo os seus pórticos un mercado de selo e moeda. Os cambios na súa arquitectura foron tamén numerosos desde a súa primeira construción, quedando hoxe en día como un recinto pechado, porticado e con vivendas de ata cinco plantas. 

Neste amplo entorno rectangular os edificios máis relevantes son a Casa de la Panadería, adornada por frescos e a Casa de la Carnicería, que se atopan fronte a fronte. A figura ecuestre do monarca en bronce que foi levantada por Juan de Bolonia reina no centro. Outro punto popular é o Arco de Cuchilleros, esquina coa rúa de dito nome, onde se estableceu o gremio de artesáns coiteleiros, tamén famosa polos seus tradicionais mesóns.

Por outra das súas esquinas sáese á seguinte praza, a da Provincia, que alberga o Palacio de Santa Cruz, do século XVII, actualmente Ministerio de Asuntos Interiores. Regresando de novo pola Plaza Mayor, tomando a saída do recuncho contrario a través da rúa Ciudad Rodrigo, chégase á praza de San Miguel onde salienta o seu mercado. 

Plaza de la Villa
Lujanes

O itinerario reincorpórase á Calle Mayor ata a Plaza de la Villa, na que hai unha mestura de estilos gótico, plateresco e barroco. Nesta zona atópase a Casa de la Villa, antiga casa consistorial e cárcere, que actualmente é sede do Concello. Fronte a este núcleo do poder local madrileño sitúase a Iglesia de San Salvador, onde foi enterrado Calderón de la Barca. Tamén sobresaen aquí a medieval Casa Cisneros e a Torre de Lujanes, está última parte dos restos dun palacio.

Próxima está a Plaza del Conde de Miranda, onde hai que facer unha visita ao Convento de las Carboneras, do século XVII, á vez que se aprecia a estrutura medieval que conservan as rúas do seu arredor. Outro edificio relixioso digno de ser apreciado é a barroca Basílica de San Miguel do século XVIII na rúa San Justo. 

Igrexas, rúas e conventos
San Isidro

Atravesando a rúa Segovia está a de El Nuncio onde a Iglesia de San Pedro el Viejo chama a atención coa súa factura do século XV. Haberá que internarse ata a Plaza de la Paja para observar a Capilla del Obispo, que é a única do gótico madrileño. Barroca é en cambio a de San Isidro que se atopa na Plaza de los Carros. 

Haberá que continuar desprazándose á contigua Plaza del Humilladero, desde a cal hai que circular pola comercial rúa da Cava Baja, que tamén conserva un trazado medieval. Merece a pena transitar por estas rúas para culminar o percorrido na Catedral de San Isidro.

Algo máis afastada do trazado está a Plaza de la Encarnación, ao norte do Palacio Real. Esta alberga o Convento de la Encarnación, un dos monumentos máis significativos do Madrid dos Austrias. Na praza salientan as súas vivendas de ar francés e o monumento a Lope de Vega. A fundación do mosteiro débese a dona Margarita de Austria e foi levantado para celebrar cerimonias relixiosas con participación da Coroa. O deseño do mosteiro é simple e rectangular, con factura barroca.

MÁIS INFORMACIÓN:

O propio Padroado de Turismo de Madrid ofrece visitas guiadas polo percorrido con guía acompañante, que parten do Centro de Turismo de Madrid, en plena Plaza Mayor.

Lugar de saída: Plaza Mayor, 27 (Centro de Turismo de Madrid).
Horario: Luns ás 10:00 h, xoves ás 16:00 h (18:00 h en verán) e sábados ás 12:00 h.
Reservas e venda anticipada: Tel. 915 882 906 / 915 881 636.
Prezos: Adultos, 3,25 €. Mozos ata 25 anos, estudantes, xubilados e desempregados, 2,65 €.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva