|
|
 |
|
A capital granadina celebra coa súa feira o Corpus Christi, símbolo da súa reconquista
|
 |
|
O Corpus Christi é unha festa católica destinada a celebrar a Eucaristía. Celébrase o xoves tras o oitavo domingo seguinte ao de Pascua. É unha festa de carácter universal no mundo católico, que a celebra con procesións. Dentro da xeografía española salientan as de Ponteareas, Toledo, Camuñas, Yepes, La Orotava, Sitges, Sevilla ou Granada.
|
 |
|
En Granada, o Corpus Christi ten un valor especial, polo seu valor histórico especial, xa que a fixaron os Reis Católicos tras a Reconquista como unha astuta forma de cristianización. A semana en torno a esta data, a capital granadina vive a Feira do Corpus, adoptando esa imaxe andaluza tan típica onde o recinto feiral, coas súas casetas énchese de festa e diversión e ilumina as noites de primavera. |
 |
|
Historia da Feira |
 |
|
Nun principio, a festa centrábase no día do Corpus, pero o paso dos séculos fusionouna coa Feira Real de Gando, configurándose as festas dunha semana tal e como hoxe as coñecemos. A Feira do Gando, que se celebraba o día seguinte ao xoves do Corpus foi tomando primeiro un carácter popular e finalmente asociouse aos cultos relixiosos en honor do Santísimo Sacramento. |
 |
|
Recinto Feiral |
 |
O feiral sitúase no barrio de Almanjayar e a portada ou entrada ao recinto reflicte cada ano algún aspecto relacionado coa cidade de Granada. Ilumínase o primeiro día de feira á media noite e así comeza a festa. As casetas divídense en públicas, de institucións, partidos políticos e asociacións e privadas. Algunhas destas teñen a entrada restrinxida, pero son minoría. As privadas son as que dan máis ambiente a estes días, cunha decoración e un programa máis esmerados onde salientan os concursos gastronómicos.
Os máis pequenos teñen o seu sitio na chamada zona dos bambáns. Isto non é outra cousa que a división feiral onde se dispoñen as atraccións, con postos de tómbola e as máis sofisticadas barracas que desafían a lei da gravidade, ademais dos típicos carruseis, a nora, autos de choque ou a casa do terror, sen esquecer os ponis. A particular festa do Corpus para os cativos será o martes cando todas estas atraccións están a prezo reducido.
|
 |
|
Feira no corazón de Granada |
 |
Para facilitar o acceso á feira de todos os cidadáns a diario, tamén hai casetas no mesmo centro da cidade. En plena Plaza del Carmen, sitúase a caseta municipal, unha carpa de máis de 300 metros cadrados de superficie, na que actuarán ao longo da semana un gran número de agrupacións folklóricas. Nela sucédense tamén as recepcións do alcalde a distintos colectivos sociais. Outras casetas do centro histórico concéntranse na Plaza Bib-Rambla, como a da Asociación de Veciños e Comerciantes do Centro-Sagrario, distinguida pola súa elegante decoración, as súas tapas e a música en directo. Aquí tamén está a caseta da Asociación de Empresarios e Industriais do Centro moi frecuentada polos que saen de traballar. Preto, na Plaza de San Agustín, atópase a cuarta caseta, xunto ao mercado, que conta cun público principalmente formado por xente nova e turistas, con música actual, tapas e fino.
|
 |
|
A Tarasca |
 |
A raíña das festas é a Tarasca, cuxo vestido acapara a atención o mércores de feira, dando sempre lugar a críticas, pese a ser vestida por xastres profesionais de prestixio. Este manequín pasea pola cidade a lombos dun dragón e despois exponse para ser venerado no portal da Casa do Concello. Esta figura ten unha ampla tradición desde as máis antigas civilizacións ata Tarascón, a localidade francesa que lle dá nome. En Granada achegáronlle a súa propia mitoloxía pagá, con xigantes, cabezudos e demiños que a acompañan en procesión. Outra atracción grande da feira son os touros, con corridas a diario coas figuras máis importantes da festa nacional. Tamén son típicos os concursos de quintillas, pequenas frases sarcásticas alusivas á actualidade social ou política. |
 |
|
A Procesión |
 |
|
Os actos relixiosos comezan cunha misa o xoves. Entón sae da catedral a procesión, encabezada de novo pola Tarasca, á que seguen todas as confrarías granadinas, o sector eclesiástico e a custodia co Corpo de Cristo, por esta orde. Séguenlle as autoridades militares e forzas da orden, pechando o desfile a corporación municipal, co alcalde e a banda municipal. É de admirar a escenografía, con toldos, alfombras de romeiro e choivas de pétalos.
|
 |
|
Normas de etiqueta |
 |
Como é común nas feiras andaluzas, hai unha vestimenta típica, nin moito menos obrigado, pero que cómpre coñecer. Trátase do traxe rexional, faralae para as mulleres e campero para o home. Se se opta por ir de rúa o mellor é a roupa lixeira e o calzado cómodo, que son moitas horas de cante, baile e festa, en definitiva. Dentro de cada caseta haberá que respectar as súas normas e ter cousas en conta como facer unha reserva con antelación nas casetas con mesas reservadas para comer ou pasar a noite. É de feito moi recomendábel comer nunha caseta para degustar o verdadeiro sabor do corpus granadino, especialmente ao mediodía nas casetas da Feira do Centro. O tapeo tamén é unha opción moi socorrida para aproveitar mellor as xornadas.
|
|