 
Festivais de jazz no País Vasco
|
|
|
 |
|
O País Vasco concentra algúns dos festivais de jazz máis importantes do país. Vitoria, San Sebastián ou Getxo son citas ineludíbeis no calendario do amante deste elegante estilo musical
|
 |
|
Cada verán, o País Vasco énchese dunha música que pouco ten que ver coa tradición local. Músicos internacionais visitan o norte para subirse ao escenario en festivais que poñen o contrapunto ás macroconcentracións musicais estivais. Neste caso o ambiente é moito máis sosegado e urbano. E sobre todo nocturno, porque o jazz é un xénero que acada a súa máxima plenitude nas refrescantes noites estivais. |
 |
|
Festival de Jazz de Getxo |
 |
A primeira das citas para os amantes da música comeza na localidade biscaíña de Getxo. Aínda que é o máis modesto salienta como un dos primeiros da tempada. Celébrase en diferentes escenarios desta fermosa vila costeira próxima a Bilbao, moi implicada coa cultura nos seus diferentes ámbitos. Durante cinco días danse cita na Plaza Biotz Alai e na do Getxo Antzokia recoñecidas figuras internacionais como na presente edición son o pianista Chucho Valdés, representando ao latin jazz, o contrabaixista estadounidense Charlie Haden e o saxofonista Lee Konitz, toda unha institución no jazz estadounidense. O festival tamén dá cancha a agrupacións de xente nova, cun concurso paralelo e ábrese a outros estilos musicais afíns como pode ser o blues.
|
 |
|
Festival de Jazz de Vitoria-Gasteiz |
 |
 |
| |
|  |
Vitoria vive cada verán unha cita imprescindíbel para os amantes do jazz pero tamén un encontro cultural ineludíbel no calendario español. Está integrado na International Jazz Festival Organization, que agrupa os festivais de jazz máis importantes do mundo, o que avala a calidade da súa programación e o prestixio dos seus artistas. A capital alavesa celebra xa a vixésimo primeira edición deste certame que arrancou en 1977. E faino con actuacións de grandes artistas, como é o caso de McCoy Tyner Trio ou o pianista Chano Domínguez. Un trazo distintivo son as populares bandas que desfilan polas rúas vitorianas insuflándolles o espírito tradicional de Nueva Orleans, así como as jam sessions que inundan os clubes durante a madrugada e nas que se poden atopar insospeitadas figuras de fama mundial tocando por pura diversión. Hai que salientar neste festival un carácter máis moderno que este ano simbolizan estrelas próximas ao pop-rock e ao folk como Norah Jones e M.Ward ou curiosas iniciativas como o proxecto do trompetista Terence Blanchard, “A música das películas de Spike Lee”, que será presentado polo propio director de cine afroamericano. Como novidade preséntase tamén Konexioa, un ciclo que fusionará músicos vascos con jazzmen norteamericanos. Estes concertos repartiranse por escenarios con soleira como o Teatro Principal, o polideportivo de Mendizorroza, o Hotel NH Canciller Ayala e a explanada das Campas de Armentia. Lugares imprescindíbeis durante unha semana repleta co máis ilustre do jazz, con actuacións exclusivas e un programa cheo de momentos irrepetíbeis. |
 |
|
Festival de Jazz de San Sebastián |
 |
|
 |
| |
 |
|
Enlazando co de Vitoria e incluso solapándose un día para non ofrecer tregua, o festival de San Sebastián gañou en presenza desde que os seus actos principais se celebran no moderno edificio do Kursaal, aínda que a música invade a cidade con presenza noutros foros como a praza da Trinidad ou o Museo Chillida Leku. De feito este ano e para unirse ao 30 aniversario do Peine del Viento do escultor vasco, o festival comezará un día antes neste simbólico emprazamento. Serán pois sete días que porán o final do calendario jazzístico vasco. E é que aquí funciona aquilo de deixar o mellor para o final, porque esta é a máis veterana das tres citas. A 42 edición do Jazzaldia conta cun cartel cheo de artistas do renome de Chick Corea, Brian Ferry, Elvis Costello, Isaac Hayes ou Sly & The Family Stone, figuras que transcenden as barreiras do jazz cara o funk, o rock, o soul ou o blues. A variedade está asegurada dentro dos clásicos, pero ademais hai que contar con estandartes dos ritmos actuais como Wagon Cookin’ ou os pioneiros da mestura do rock con sons negros, Living Colour. Hai que salientar os escenarios onde se celebran concertos gratuítos como as terrazas do propio Kursaal ou a praia de Zurriola, que achegan novos aires ao aveludado jazz das noites de verán. Máis de sesenta actuacións ratifican este ano un evento tan asentado como plural e aberto a novas tendencias. |
 |
|
Que non pare a música |
 |
|
A música non acaba para San Sebastián aquí. Xa entre os meses de agosto e setembro a Quincena Musical, cunha duración moi superior ao que suxire o seu bautizo, ofrece recitais de ópera, ballet clásico, música antiga ou concertos sinfónicos. Pola súa parte Vitoria ten asentado no seu calendario o Azkena Rock Festival, símbolo da autenticidade rockera. Son outras opcións para gozar en verán no País Vasco da mellor música, clásica e moderna. |
 |
|
MÁIS INFORMACIÓN: |
 |
|
|
|