 
Festivais de verán na costa portuguesa
|
|
|
 |
|
A música ten o seu protagonismo estival en torno ás praias lusas
|
 |
Os festivais de música proliferaron de forma exponencial na última década en Europa. Desde a inicial hexemonía do norte, a lóxica foi determinando que sexan os países do sur como España e Portugal, os que alberguen algúns dos festivais musicais máis importantes do verán. O país veciño conta cunha xeografía ideal para que estas concentracións estivais se sitúen ao longo do seu litoral. Son cada vez máis os españois que se fan algunha escapada a algún festival luso para pasar unhas minivacacións de dous ou tres días ao calor da música e a escasos metros das belas praias atlánticas. E é que boa música, sol e mar parece unha combinación difícil de rexeitar. |
 |
|
Super Bock Super Rock |
 |
O calendario comeza a finais de xuño co xa clásico Super Bock Super Rock, nesta edición dividido en dúas fins de semana. Este festival lisboeta comezará o día 28 de xuño con pratos do gusto dos amantes do heavy metal, como Metallica, Joe Satriani ou Mastodon e continuará en tres datas seguidas de xullo, a fin de semana do 3, 4 e 5. Así, polo Parque Tejo pasarán Arcade Fire, Bloc Party, The Jesus and Mary Chain, Scissor Sisters ou Interpol, entre moitos outros. Un cartel de luxo para celebrar o seu 13º aniversario. Pola súa perseverancia, xa se conta entre os mellores de Europa, grazas a unha situación única, céntrica e coas estupendas vistas que ofrece o Delta do Texo. Como aposta consolidada, celebra todo tipo de actividades paralelas ao ámbito musical e ademais é unha estupenda ocasión para aproveitar e quedarse uns días a coñecer Lisboa, os seus barrios históricos e a súa vida nocturna. |
 |
|
Vilar de Mouros |
 |
A seguinte cita é no extremo norte do país, esta vez na desembocadura do Miño, que marca a fronteira coa provincia de Pontevedra. É a cita musical máis arraigada do verán portugués, cumprindo 36 anos que celebran cunha gran figura do pop. O reactivado Brian Wilson, líder dos Beach Boys, pasará polo seu escenario principal nunha exclusiva cita para presentar un cancioneiro tan clásico como imprescindíbel. Entre os artistas xa confirmados tamén salienta Marky Ramone, supervivente dos míticos Ramones, os norteamericanos The Queers ou os arxentinos Super Ratones. A maior parte do cartel que pasará por este entorno natural do día 21 ao 24 de xullo está pendente de ser anunciada. Pero a bo seguro perpetuará unha tradición que conxuga aos máis importantes grupos internacionais cos grupos portugueses máis asentados.
|
 |
|
Festival Sudoeste TMN |
 |
Xa en agosto chega outra cita clásica, que este ano cumpre 11 anos. Trátase do Sudoeste TMN, que o primeiro fin de semana de agosto, preséntase como outra estupenda opción para conxugar música en vivo, sol e praia. Catro días de música con catro escenarios paralelos para que cada cal seleccione o itinerario que máis agrade aos seus oídos. Mika, Editors, Cypress Hill, Groove Armada, Camera Obscura ou Bonde do Rolê son os primeiros nomes que saltaron á palestra nun ano que promete ofrecer máis do de sempre, pero mellor. Cando se esgoten as pilas nada mellor que somerxerse nas augas da súa praia ou gozar de Zambujeira do Mar, a tradicional aldea de pescadores que cada ano vive esta loucura por uns días. Para os incansábeis, polo día poden entregarse a deportes de aventura como o BTT, piragüismo ou paseos a cabalo.
|
 |
|
Paredes de Coura |
 |
O Paredes de Coura, salienta por ser un dos festivais de rock alternativo máis importantes e o seu cartel raramente defrauda. Os grupos internacionais, preferentemente norteamericanos, son unha das súas mellores armas. Este ano xa están confirmados os New York Dolls, Sonic Youth e Gogol Bordello, tres xeracións moi diferentes de cómo entender o rock na cidade dos rañaceos. Outras bandas anunciadas son Mando Diao, Architecture In Helsinki ou Cansei de Ser Sexy. O segundo gran atractivo é o entorno, case tan importante como o musical. Celébrase xunto a unha fermosa praia fluvial e o recinto conta con abundantes zonas verdes e de sombra, que tanto se agradecen nun festival deste tipo. Do 12 ao 15 de agosto teñen aquí unha cita os amantes do rock de diferente vertente.
|
|