|
|
 |
|
Do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro celébrase o acontecemento anual do sector turístico, que contará coa presentación oficial da Guía CAMPSA
|
 |
|
O turismo xoga nas sociedades modernas un papel fundamental como sector en imparábel expansión. Esta condición porén precisa de escaparates onde os clientes recaden información e os profesionais estabelezan contactos e intercambien ideas para reforzar as súas propostas. Entre as cada vez máis numerosas ofertas feirais que poñen de manifesto as posibilidades de negocio salienta unha moi tradicional e consolidada: Fitur.
|
 |
A Feira Internacional do Turismo celebra este ano nada menos que a súa XXVII Edición, unha vez máis no recinto feiral madrileño, entre o 31 de xaneiro e o 4 de febreiro. De novo afiánzase como primeira gran cita nacional do sector e fai da capital madrileña un foco internacional para os profesionais do turismo, crea expectación e tendencias. O éxito da feira consiste na reinvención anual, convértese nun Servizo Integral de Promoción que dinamiza os fluxos comerciais entre axentes turísticos ao seu arredor. Por isto é tan valioso ser expositor en Fitur, unha ferramenta de mercadotecnia irrepetíbel que ofrece unha exposición publicitaria como poucas neste ámbito.
|
 |
|
Crecemento e integración |
 |
|
 |
| |
 |
|
O crecemento da feira foi exponencial nos últimos anos, tanto en expositores –máis de 12.000 empresas nesta edición- como en superficie, que superaría a de quince campos de fútbol. Un xigantesco espazo que fai que pareza máis real viaxar de China a Exipto polos seus propios pavillóns. Pero toda cifra parece razoábel cando se fala dunha industria que move o 12,5% do Produto Interior Bruto español. Entre os expositores cóntanse desde organismos oficiais de países, provincias, comarcas, etc., empresas de transporte, hostalaría, axencias de viaxes, medios de comunicación, empresas de servizos, ocio e cultura, formación, etc. Este carácter integral do sector é outro dos grandes atractivos dunha feira na que nada queda no aire. En paralelo á actividade comercial da feira, celebraranse encontros, conferencias, seminarios e roldas de prensa, onde expertos analizarán o devir do sector turístico internacional. Serán 5 xornadas intensas que, non obstante, revélanse apenas suficientes para escrutar a máis completa oferta de negocios e destinos turísticos de todo o mundo. Máxime para o visitante de a pé que tan só terá acceso ao recinto os días 3 e 4 de febreiro.
|
 |
|
Guía do turismo |
 |
 |
| |
|  |
Un lugar dedicado ao turismo no que todo o mundo se concentra nuns pavillóns é o marco máis indicado para presentar a reputada Guía CAMPSA. Se o éxito da feira consiste en renovarse anualmente, a constante actualización tamén xoga un importante papel nesta obra de referencia dispoñíbel en formato impreso e que amén pode consultarse a través de Internet. Completa e exhaustiva, a Guía CAMPSA 2007 contén todo tipo de información útil para o viaxeiro, incluíndo mapas, rutas, restaurantes e hoteis. REPSOL YPF dará a coñecer no seu pavillón as novidades da presente edición, como unha selección de 2.000 restaurantes realizada pola Academia Española de Gastronomía e a Confraría da Boa Mesa ou unha nova cartografía de España, Andorra, sur de Francia e Portugal. Entre as novas incorporacións salienta a sección Autopistas Gastronómicas, nove rutas peninsulares que pasan polos lugares de maior interese, incluíndo a gastronomía local, visitas ineludíbeis e os mellores lugares para o descanso. Outras inclusións son as guías de rúas de 56 cidades e todo tipo de sinalizacións como aparcamentos, restaurantes, hoteis, áreas de servizo, etc. Compleméntana unha Guía de Viños, con información sobre as mellores adegas do país e un CD de navegación con guía de rúas de 2.354 municipios, as principais estradas de España e Portugal e máis de 12.000 puntos de interese, segundo o experimentado criterio de quen elabora este manual do turismo.
|
|