Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Jerez de la Frontera
Esta nobre localidade gaditana xunta no seu viño, o seu flamenco e a súa Feira do Cabalo, todo o sabor andaluz
A cidade gaditana de Jerez de la Frontera é un dos enclaves andaluces con maior donaire. Distinguida por espléndidas mostras de arquitectura relixiosa e civil, que van desde palacios a igrexas e mosteiros, Jerez conserva unha zona urbana que foi declarada conxunto histórico-artístico. Embaixadores en todo o mundo son os seus viños e os seus cabalos, mentres que o Gran Premio de Jerez se revela como unha gran oportunidade para facer unha visita.
Historia
As orixes da cidade remóntanse á época dos fenicios, que a bautizaron como Xera. Pola súa posición nos límites do Reino de Granada e baixo dominio musulmán, foi durante a Idade Media lugar de frecuentes incursións fronteirizas. É no medievo cando se fragua a lenda dos seus viños e cando se orixina a cartujana, unha raza propia de cabalos en honor á Cartuja de Santa María de la Defensión. Estes frades deron vida á cría de cabalos ata que a desamortización deixou tal mester aos gandeiros.
O Alcázar e a Catedral
Vista de la catedral de Jerez

É sen dúbida a dominación árabe a que máis contribuíu á beleza patrimonial de Jerez. Isto apréciase desde o propio recinto amurallado, pasando por construcións insignes como o Alcázar e a Mesquita. O Alcázar é o edificio máis antigo que conserva a cidade e data do século XII. Os seus maiores puntos de interese son a Porta da Cidade, o Patio de Armas e os Baños Árabes. A torre do barroco palacio de Villavicencio conta cunha cámara escura desde a cal se observa toda a cidade. A Mesquita está reconvertida en capela de Santa María a Real. 

Preto atópase, en contraposición o maior símbolo cristián, a Catedral, antiga colexiata de San Salvador. Data do século XVII aínda que a dilatación da súa construción lle confire unha curiosa mestura de estilos, principalmente barrocos e neoclásicos. O edificio presenta unha planta rectangular, con cinco naves e a súa torre mantén influencias mudéxares. Dentro pódense admirar obras do mestre Zurbarán, en especial o lenzo da Virxe Nena de Zurbarán. Tampouco hai que deixar de contemplar o cadeirado do coro, ou a biblioteca.

Prazas e igrexas
Barrio de Santiago

Fronte ao Alcázar, nun espazo flanqueado por laranxeiras, atópanse a praza e igrexa de San Miguel, que tamén reflicten unha fermosa composición onde caben estilos gótico, renacentista e barroco. Superada a praza de El Arenal, o visitante atópase fronte ao Cabido Municipal e a Casa do Concello, a igrexa de San Dionisio de corte mudéxar e o Convento de San Francisco, que conta cun claustro do século XIII.

A zona antiga da localidade, delimitada por vellas murallas agrupa outros fitos da arquitectura relixiosa como as igrexas de San Lucas e San Mateo. Tamén salientan antigas residencias aristócratas como os palacios de Riquelme e Permantín, este último hoxe sede do Centro Andaluz de Flamenco, unha gran fonte de coñecemento en torno a esta arte musical tan arraigada na cidade, especialmente no barrio de Santiago. 

Semana Santa

O citado barrio de Santiago é o epicentro do flamenco e tamén das confrarías e irmandades, mellor mostra da tradición cristiá en Jerez. Os confrades veneran as imaxes que descansan durante o ano na Basílica da Nosa Señora da Mercé e na igrexa de Santiago. Esta última conta cunha estrutura gótica e aditamentos renacentistas e barrocos e alberga o Cristo do Prendemento, tamén coñecido como “Prendi”, cuxa procesión do Mércores Santo se acompaña con sentidas saetas.

E é que en Semana Santa se produce un sentido alarde de paixón nas procesións pola zona antiga, onde participan 31 agrupacións. A Catedral é unha parada obrigada no desfile, é coñecida como a estación de penitencia. Salientan tamén a procesión do Santísimo Cristo da Exaltación, a da Virxe da Soidade e a do Santo Enterro.

Tradición xerezana
Baños árabes

A cultura popular xerezana é algo que non se debe obviar de ningunha forma. Imprescindíbel é a visita a algunha das moitas adegas das que saen caldos da D.O. Jerez-Xérès-Sherry e Manzanilla-Sanlúcar de Barrameda. Descubrir os seus métodos de elaboración e gozar da moderna arquitectura dalgúns destes sotos é un inmellorábel aperitivo para a cata.

Destaca tamén a celebración da Feira do Cabalo, festa declarada de Interese Turístico Internacional que xira en torno ao cabalo de pura raza cartujana. Os amantes da arte ecuestre, así como quen guste de gozar dunha típica feira andaluza, co seu cante, o seu baile e o seu bo xantar, ten un destino obrigado nas casetas unha semana tras a Feira de Abril.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva