|
|
| |
 |
|
O modernista Palau Baró de Cuadras alberga a Casa Asia na Avenida Diagonal. Ademais de promover a cultura asiática, ten como obxectivo fortalecer as relacións comerciais entre España e os países de Asia e o Pacífico. Anualmente celebra no seu precioso auditorio un ciclo de cine asiático. A praza de Catalunya é o nexo entre os distritos do Eixample e Ciutat Vella. Neste último, zona antiga da cidade Condal e centro da súa actividade social e económica desde tempos romanos, o crisol cultural é especialmente rico. Descendendo pola Rambla, haberá que xirar á dereita antes de chegar ao maxestoso Teatro do Liceu. Así o percorrido intérnase no Raval, un barrio xurdido da revolución industrial de mediados do século XIX. Antigamente envolto nun halo de marxinalidade, hoxe en boa parte rexenerado, configúrase como un barrio acolledor onde ninguén é estranxeiro. Aquí a estampa non podería ser máis colorista; perruquerías pakistaníes, carnicerías musulmás, colmados filipinos, restaurantes asiáticos ou videoclubs hindús conforman a súa paisaxe. Esta convivencia multirracial é especialmente visíbel cada domingo pola tarde na Rambla del Raval, onde un anaco de Barcelona parece transportarse ao oriente medio. A realidade social do barrio tampouco está exenta deste carácter multirracial. No popular mercado da Boquería tamén caben produtos tan particulares como a papaia, iuca, zapote, rocoto, ají amarelo e choclo. Aquí conviven estes produtos de diferentes partes do mundo cos froitos da horta catalá. Como alternativa está ademais o Colmado Afrolatino que se instala na Vía Laietana e onde se poden adquirir xugos caribeños, basmati e especias de oriente, sazóns e tequila de México ou millo e frijoles de Perú, entre outros. |