Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


A outra cara das Fallas
Máis que bonecos, os “ninots” son esforzados monumentos que adornan a cidade por unhas semanas
A imaxe da festa valenciana por antonomasia é a noite iluminada polas chamas, o ruído atronador da “mascletá”, o lume, o fume e a cinza. Aínda que a estampa universal sexa a dos xigantescos bonecos sacrificados na “cremá” hai que recoñecer o valor artístico de cada unha destas pezas. Efémeras obras de expresión que en moitos casos tardan en elaborarse tanto ou máis que outras destinadas ás galerías de arte.
Do “parot” ao “ninot”
Ninots

Moito tempo tivo que transcorrer para que daquel “parot” ou lámpada de pé do que facían uso os artesáns da cidade chegara a converterse nas mastodónticas construcións que hoxe se poden ver. Aquel utensilio comezou a ser queimado cada primavera ao revelarse innecesario co alongamento do día. Nunha astuta manobra a Igrexa intentou paliar o paganismo da tradición facéndoa coincidir coa véspera de San Xosé, patrón dos carpinteiros.

Este utensilio alongado comezou pouco a pouco a ser vestido con roupas de forma que adoptase forma humana, como un espantallo. Así, de forma natural, comezou a satirizar personaxes locais, configurándose o “ninot” con materiais como teas vellas e cera. Despois virían os catafalcos, armazóns para soster en pé os bonecos ou as composicións deles, cada vez máis elaboradas. 

Expresión de altura
Cremá

No século XX o cartón pedra facilitou esta arte e actualmente empréganse materiais facilmente manexábeis como o poliexpan, aptos tamén para plasmar todo o cromatismo do que fan gala estes xigantes. Auténticos monumentos que farán de Valencia un gran museo ao aire libre desde a noite do día 15 seguindo a tradición da “plantá”. Aínda que hoxe en día, dada a aparatosidade dalgunhas montaxes pódense ver as primeiras pezas montándose con axuda de grúas incluso quince días antes da semana grande.

E é que as fallas acostuman contar con varios metros de altura, chegando as máis ambiciosas aos 30, magnitude do todo sobrecolledora para quen as contempla a pé de rúa. Compóñense de figuras de cartón pedra sustentadas por un armazón de madeira, materiais listos para arder sen problemas. Acostuman estar acompañadas tamén de letreiros que explican o significado de cada escenografía. 

Un ano de preparativos

Se todas as grandes cidades preparan ao longo do ano as súas festas patronais, pódese dicir que en Valencia o esforzo é maior se cabe. Artesáns, pintores, escultores e outros moitos profesionais empréganse durante meses para construír os xigantescos protagonistas que adornarán as rúas. Estes fanse a encargo das diferentes comisións falleras, case 400. 

Á súa vez, as comisións organizan actividades durante todo o ano para recadar fondos que manteñan viva a festa e lles aseguren un digno “ninot”. A hexemonía destas obras será efémera, pero aínda así o esforzo será recompensado ao ver a Valencia convertida durante unha semana nunha exhibición vivente de arte e cor.

Reducido a cinzas
Fallas
Todo este conxunto de imaxinería popular será consumido nas chamas o día 19 de marzo pola noite coa famosa “cremá”, nada menos que a incineración de todas as fallas, agás unha. Este “ninot” gañador terá o honor de librarse da fogueira e de conservarse no Museo Fallero. O resto de monumentos, 386 a presente edición, dobregaranse ante o poder do lume creando unha escena que cada ano deixa coa boca aberta a locais e forasteiros.
A arte da sátira
Pero aquí non só conta a técnica e as horas de traballo investidas en moldear as figuras. Tras o xúbilo das Fallas agóchanse outros aspectos e é unha festa abonada á crítica e á liberdade de expresión. As composicións están a miúdo dotadas dun carácter satírico, pondo na palestra e de qué maneira, temas de actualidade e ofrecendo visións máis ou menos posicionadas ou comprometidas. Este afán por pór o dedo na chaga foi algunha vez ameazado aínda que por fortuna os artistas falleros fan piña ante calquera viso de censura.
  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva