Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


As dúas caras do País Vasco; clásico e moderno
Dun pasado medieval, Euskadi pasou por un forte proceso industrial para evolucionar finalmente cara a modernidade. Así evidénciano as súas capitais, cuxas zonas históricas e modernos edificios crean un suxestivo contraste.
Artium

Moito cambiaron Bilbao, San Sebastián e Vitoria desde as súas datas de fundación, en plena Idade Media. A evolución é un proceso lóxico de calquera gran cidade, pero quén podía pensar que edificios de titanio e pontes de cristal fosen ser un día símbolos do País Vasco tan recoñecidos como os monumentos e rúas das súas zonas históricas. A Euskadi do século XXI mira nas súas capitais cara o futuro, negándose ao mesmo tempo a perder a súa esencia.

Zonas antigas e catedrais
Museo Guggenheim

A maior parte dos edificios bilbaínos con soleira articúlanse en torno á súa labiríntica Zona Vella. No seu corazón atópase a Catedral de Santiago, que data de finais do XIV e principios do XV. Construída en estilo gótico, aínda que con detalles do gótico florido, é punto de paso da peregrinación xacobea. A súa planta forma unha cruz latina e no interior divídese en tres naves con bóvedas de crucería. A cabeceira do templo é de planta poligonal, con carola. De gran fermosura son o seu coro e claustro, os seus dous pórticos e a portada renacentista.

En San Sebastián a zona histórica coñécese como Parte Vella. Aquí están as igrexas de San Vicente e de Santa María del Coro, gótica e renacentista-barroca respectivamente. Destaca polo seu trazado racionalista nun entorno natural flanqueado polo Monte Urgull ou o porto pesqueiro. Toda a tradición donostiarra pode degustarse nos bares e restaurantes que proliferan nestas animadas rúas.

Visitas recomendábeis son o Museo de San Telmo ou a Basílica de Santa María. Deixándose levar polas rúas o visitante chegará á praza porticada da Constitución, antigamente usada como coso taurino, así como á Catedral del Buen Pastor. Por último merece a pena transitar pola romántica Alameda del Boulevard, céntrica rúa que separa a vella Donostia da nova e conta con edificios neoplaterescos como o Teatro Victoria Eugenia e o Hotel María Cristina, á beira do Urumea.

No que toca á capital do País Vasco, Vitoria, esta conserva unha zona medieval presidida pola gótica catedral de Santa María. Na súa orixe foi unha igrexa-fortaleza aínda que a súa construción culminouse entre os séculos XIV e XV. A súa factura sostense nunhas enormes columnas abombadas polo peso e un fermoso corredor. Destacan as esculturas do seu fermoso pórtico. Ata o 2010 tamén se poderán visitar na catedral os propios traballos de restauración que se están levando a cabo e obtiveron un premio da UE en materia de conservación e mellora do patrimonio cultural.

Tempos de vangarda
Kursaal

O inicio definitivo cara a modernización dábao o Guggenheim. Xa hai unha década que este xigante de titanio con formas que evocan un barco irrompeu na vila dinamizando a súa transformación desde a beira do Nervión. Un millón de visitas anuais atrae este museo de arte moderno concibido por Frank Gehry, onde o continente ten tanta relevancia como o contido.

O proceso que comezou coa súa construción aínda continúa dando froitos a ambas marxes da Ría. Pódese dar conta disto a través dun agradábel paseo escultórico por calquera das súas ribeiras ou ao cruzar a Pasarela Calatrava, composta por bloques de cristal. Esta obra tamén é coñecida como Zubi-Zuri (ponte branca), en referencia á cor que acostuma predominar nas obras do arquitecto valenciano. 

Se ben non capta a mesma atención, o Kursaal é o equivalente do Guggenheim para San Sebastián, en tanto que propulsou unha renovación da cidade. Este palacio de congresos sitúase no moderno barrio de Gros, a pé de praia. Deseñado por Rafael Moneo, componse de dous cubos de vidro e metal que albergan un gran auditorio, unha gran sala de cámara, salas polivalentes e salas de exposicións.

Por último en Vitoria é o Artium o edificio moderno de maior protagonismo. Trátase dun museo que fai un percorrido pola arte contemporánea desde 1900 á actualidade. Pese ao seu discreto tamaño, alberga as principais galerías baixo terra, o cal lle outorga un amplo espazo. Outros edificios modernos de Vitoria son o triangular e acristalado Palacio de Xustiza así como o edificio da Facenda Foral Alavesa.

MÁIS INFORMACIÓN
  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva