Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


As secretas e insólitas Azores
Nove illas atlánticas ofrecen un dos destinos europeos onde a natureza mostra a súa cara máis exuberante
Inesperadas paisaxes envolven un arquipélago máxico dividido en nove porcións; Santa María, São Miguel, Terceira, Graciosa, São Jorge, Pico, Faial, Flores, Corvo… Son as Illas Azores, enclave ao norte de Portugal que invita á aventura e a distensión. Un distinguido e recóndito destino atlántico onde gozar na súa plenitude do mar e o esplendor dunha vexetación e xeoloxía volcánicas.
Ponta Delgada
Laguna

Na illa de S. Miguel atópase esta, a maior cidade do arquipélago. É o lugar ideal no que hospedarse para moverse arredor das nove illas, xa que é a que conta con maior oferta hoteleira e todas as comodidades. Desde as súas orixes como pequena aldea pesqueira, pronto destacou como porto principal insular, ata converterse na cidade activa e cosmopolita que é hoxe en día.

A tradición convive aquí coa modernidade e á trafega conflúe co sosego no paseo marítimo. A cidade é reflexo de máis de cinco séculos de historia contada polos seus edificios, monumentos e xardíns e ofrece rutas culturais que parten da Plaza Gonçalo Velho.

Cociña volcánica
Mar de las Azores

A principal imaxe turística de São Miguel é o Val das Furnas, atravesado por dous caudais, de auga fría e quente. Unha paraxe de exótica beleza chea de curiosidades, como o cultivo de pataca doce, o obelisco e sobre todo as Caldeiras. Aquí prepárase o cocido de Furnas, de carne ou bacallau, cociñado baixo terra co calor do subsolo volcánico.

Tamén en Furnas destaca o Parque Terra Nostra, un precioso xardín integrado nun hotel que xa é todo un clásico no turismo das Azores. Un romántico paraíso de lagos ondulados con cisnes, indicado para o paseo entre sinuosos camiños, coloridas flores e exóticas árbores centenarias. O visitante ten a sensación de que o tempo se para ao seu paso. Máis mundano é o Parque das Furnas, con instalacións como unha piscina termal, campo de golf ou pistas de tenis.

Cetáceos
A natureza salvaxe tamén ten o seu reflexo no medio mariño. Entre unha rica variedade de especies salientan cachalotes, golfiños e baleas. Estas últimas, base da anciá pesca nas illas, hoxe son admiradas como atractivo turístico. Son máis dunha vintena as especies que se poden contemplar a bordo de embarcacións que serven a este propósito. Incluso algunhas empresas ofrecen entre os seus servizos a posibilidade de nadar xunto aos golfiños.
Lagoas das Azores
Pastos

Pola propia natureza volcánica das Azores, hai unha paraxe característica na que a auga se mostra terra dentro. Son as lagoas, abundantes en São Miguel. Un dos mellores exemplos é a impoñente Caldeira das Sete Cidades, co seu amplo cráter de 12 km de perímetro. No interior do cráter atópase unha vila que reflicte ben a arquitectura popular insular, así como a Lagoa de Santiago.

Máxicas son a Lagoa Verde e a Lagoa Azul, santuarios de tranquilidade, cuxa diferente coloración explica unha lenda sobre as bágoas vertidas por unha princesa e un pastor cuxo amor era imposíbel. A Lagoa de Lume sitúase no cráter dun extinto volcán e conta cunha praia de augas cristalinas. Todas estas paraxes lacunares son lugares para explorar buscando as mellores vistas de xardíns e arboredos e un agradábel colorido sobre verdes colchóns.

Viñedos de Pico

Na parte central das Azores atópase Pico, unha das illas máis carismáticas, que se ergue cara as alturas a través da montaña máis alta de Portugal. A beleza desta cota rodeada de nubes apréciase desde lonxe pero só afondándose nela se descobren as súas vilas que conxugan a esencia montañesa e o seu pasado baleiro. Aínda que se algo chama a atención da forma de vida na illa son os viñedos cultivados grazas a un tesón de cincocentos anos.

E é que parece mentira como se logrou transformar o baldío solo de rocha volcánica nun xeneroso campo de cultivo onde caben viñas e hortas de froiteiras. Non en van esta peculiar paisaxe de viña está declarado Patrimonio da Humanidade. Un enorme labirinto pétreo a modo de casilleiro a beira do mar, que protexe ás vides das inclemencias do vento e retén o calor do sol. Deste prodixioso labor de infraestrutura nace o doce Verdelho, cuxas bodegas tamén haberá que visitar.

Gastronomía
Ponta Delgada

A gastronomía das Azores non podía estar senón dominada polo mar. Como en Galicia, os mariscos son o máis saboroso das súas mesas. O máis famoso é o ‘cavaco’, xunto a certas clases de percebes e lampas. Saborosos tamén son os seus peixes, que se serven á grella e en caldeiretas, sendo o polbo guisado outra das especialidades típicas. Non en van algunhas das especies de peixes e mariscos das illas son únicas en Portugal.

A carne máis famosa en Terceira é a ‘alcatra’ dos cuartos traseiros do animal. Común ás illas é a receita de verduras con longaínza, a excelencia dos seus queixos, entre os que sobresae o de San Jorge ou a doce piña das Azores. Tamén merecen mención viños como o 'Verdelho' dos fermosos viñedos de Pico e o de Biscoitos, na illa Terceira. Por último cómpre falar de sobremesas como a 'massa sovada' ou as queixadas de Graciosa.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva