Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Os encantes ou mercados ao ar libre
Os mercados barceloneses dinamizan a vida na rúa e preservan as tradicións
Son os mercados públicos un dos motores da cultura rueira barcelonesa, tradicionais puntos de encontro onde aínda se segue funcionando polo antigo e vistoso método da poxa. Lugares onde acudir en busca de todo tipo de cousas, desde mobles a antigüidades, roupa, libros e discos de segunda man, electrodomésticos, adornos de fogar ou artigos de coleccionista.
Feria de Bellcaire
Bellcaire

Coñecido popularmente como “Los Encantes”, este é un dos máis antigos mercados europeos. A primeira noticia que del se ten é do século XIV, cando o mercado medieval se celebraba nas murallas no camiño da Reguera. Foi cambiando de situación segundo pasaban os séculos ata o seu último traslado en 1928, diante da praza das Glòries Catalanes. Ao principio esta mudanza non foi fácil, xa que non era un lugar de paso e a xente tiña que ir ao mercado expresamente, pero pouco a pouco o número de vendedores foi crecendo ata superar os 200.

Hoxe en día son máis de 500 os profesionais e comerciantes que se congregan en máis de 15.000 m2 nesta feira única para a reciclaxe e a venda de artigos de ocasión. Trátase dun mercado ao ar libre situado entre e praza das Glories, a Avenida Meridiana, a rúa de Cartagena e a rúa do Consell de Cent. É visitado cada semana por 50.000 persoas, sendo o mercado municipal que máis diñeiro move. Permanece aberto luns, mércores, venres e sábados entre as 9 da mañá e as 8 da tarde.

O espectáculo da Poxa
Bellcaire

Cada día de mercado celébrase a poxa, tradición máis significativa da feira. Sitúase na praza asfaltada entre a rúa do Dos de Mayo e a de Cartagena. É un divertido espectáculo que nos traslada a épocas en que a forma de comerciar era moi diferente. Xa desde as cinco da mañá van entrando os camións que descargan os seus lotes na parcela asignada. Tras facer o sorteo de parcelas para o vindeiro día, ás sete comeza a poxa, dirixida por un poxador e o seu axudante. 

Como a orde da poxa pode influír no prezo, o percorrido nunca comeza no mesmo sitio. O poxador colócase fronte a unha parcela cos obxectos que compoñen o seu lote e alí acoden os posíbeis compradores. Entre os lotes, salienta a variedade; todo tipo de mobles como mesas, xogos de cadeiras, vellos armarios, etc. Tamén hai libros antigos, discos de vinilo, figuras de decoración, xerras de porcelana, zapatos, xoguetes... e obxectos moito máis atípicos que non entran dentro de ningunha categoría. 

Persiste o sistema de poxa en duros, a antiga moeda de cinco pesetas, sendo a unidade mínima básica mil duros, 30 euros actuais. O poxador pide ao dono que fixe un prezo de saída, que canta en voz alta para que os interesados comecen a poxar. O mellor ofertante adxudícase o lote unha vez o poxador fai golpear o seu martelo de madeira. Normalmente, tras a poxa, os compradores acostuman permanecer no campo de poxas  para vender ao pormenor o lote acabado de adquirir, de modo que pode pasar por varias mans en pouco tempo.

A Feira
Ás nove termina a poxa e ábrese a feira ao público. Aquí, xa seguindo unha pauta máis ordenada atópanse postos de mobles novos, bricolaxe, ferramentas para a xardinería, anticuarios de libros e mobles, etc. De todas formas tamén teñen cabida as paradas dedicadas á venda de todo tipo de obxectos mesturados sen complexos e pódese incluso ver algún vendedor ambulante facendo demostracións da utilidade dos seus produtos.

Sant Antoni
Sant Antoni
Entre as rúas d’Urgell, Compte Borrell, Tamarit e Manso sitúase o Mercado de Sant Antoni, outro dos mercados máis grandes que ocupa toda unha illa do Ensanche. Son tres mercados nun, o mercado alimentario, os Encantes e o Dominical. O mercado alimentario sitúase nunha enorme nave en forma de cruz e con cúpula octogonal no seu centro. Entre os seus brazos fórmanse catro patios e en cada fachada hai unha gran vidreira en forma de arco, que deixa pasar a luz natural. Atópanse aquí froiterías, verdulerías, chacinerías, peixerías, marisquerías, postos de polos, legumes e froitos secos, bares, etc. 
Encantes
Sant Antoni

O mercado de Sant Antoni delimítase por unha marquesiña metálica que tamén acolle as feiras paralelas dos Encantes e o Dominical. A historia dos Encantes arredor deste mercado comezou a finais do século XIX, con paradas de produtos téxtiles, para o fogar e a cociña, etc. Actualmente, abren luns, mércores, venres e sábado mañá e tarde. As paradas sitúanse a dereita e esquerda deixando un amplo corredor e unha protección de lona verde sepáraas da rúa. Estes postos non se agrupan por xéneros, de forma que o visitante atopará salteados todo tipo de postos de saias, camisas, pantalóns, toallas, camisetas, roupa interior, cazolas, paellas, utensilios de cociña, teas, lámpadas, etc.

Dominical

O Dominical é en cambio unha feira especializada en libros, revistas, cromos, postais, películas e videoxogos. Só se permite a venda de produtos culturais en soporte papel, magnético e videoxogos. É a feira destas características máis grande do mundo e perdura grazas á tradición familiar, xa que moitos dos vendedores actuais son netos dos que comezaron o mercado. En tempos do franquismo incluso se atrevían estes comerciantes a recompilar e vender libros prohibidos polo réxime. É unha feira ideal para o coleccionista de todo tipo de libros, cómics, pósteres ou cromos, xa que, aínda que os novos soportes se impoñen, o papel segue predominando.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva