 
Os mellores museos portugueses
|
|
|
 |
|
Tradición e modernidade conflúen nas exposicións que ofrecen os museos lusos
|
 |
|
Como país situado no extremo occidental europeo, as terras de Portugal foron ao longo da historia prezadas zonas comerciais. Legados de orixe romana, visigoda, mozárabe ou xudaica, conforman hoxe unha rica oferta museística e cultural. Pintura, escultura, tapices, porcelana, azulexos, xoiaría… son algunhas das moitas manifestacións artísticas e históricas que se poden atopar nas exposicións lusas.
|
 |
 |
|
Museo Nacional de Arte Antiga |
 |
 |
| |
|  |
Na capital atópase o máis famoso dos museos portugueses, o Museo Nacional de Arte Antiga, cuxo edificio xa é grandioso. Trátase do Palacio de Alvor-Pombal, fortaleza do século XVII construída para os condes de Alvor. O museo, tamén coñecido como ‘Museu das Janelas Verdes’ pola cor das súas ventás, foi inaugurado en 1884 e ampliado en 1940. Esta ampliación está nun anexo onde antes houbo un convento do que só quedou a capela tras a acción dun sismo. Alberga a maior colección pictórica do país. Nela salientan as obras sacras de artistas portugueses, provenientes na súa maioría de conventos e mosteiros tras a liquidación de ordes relixiosas de 1834. Ofrece testemuño da arte nacional desde a Idade Media ata o século XIX a través de pezas de escultura, prata, porcelana e artes aplicadas, entre as que hai algunhas emblemáticas como a ‘Custódia de Belém’ e a ‘Custódia da Bemposta’. Tamén existen multitude de testemuños da Era dos Descubrimentos, mostrando os vínculos portugueses non só con Europa senón tamén con Brasil, África, India, China e Xapón. Determinante no seu patrimonio é a afamada colección do doutor Gustav Rau titulada “De Fra Angelico a Bonnard”, onde tamén hai obras de Renoir, Degas, Cézanne, El Greco, Toulouse-Lautrec, Monet ou Gainsborough, entre outros moitos. |
 |
|
Museo Calouste Gulbenkian |
 |
Tamén en Lisboa se atopa o Museo Calouste Gulbenkian, fundado en 1969 por vontade póstuma do coleccionista de orixe armenia que lle dá nome. Sitúase no Parque de Santa Gertrudis e conta cun patrimonio formado por unhas 6000 pezas de arte antiga e moderna, das cales unhas 1000 se expoñen ao público A exposición permanente divídese en dúas seccións independentes. Unha delas dedícase á arte oriental e clásica, con pezas de arte exipcia, greco-romana, islámica, chinesa e xaponesa. A outra propón un percorrido pola arte europea con libros, esculturas, pinturas e outras pezas que van desde o século XI ao XX. |
 |
|
Museo de Farmacia |
 |
|
No barrio lisboeta de Santa Catarina atópase o ‘Museu da Farmacia’, inaugurado en 1996. Cun acervo baseado en doazóns, o museo representa 5000 anos da historia da saúde a través de pezas que se remontan ao antigo Exipto, Roma ou Mesopotamia. Destacan as farmacias reconstruídas, como unha botica de Macau ou unha portátil do XVIII, entre diversos utensilios e máquinas utilizadas para fabricar medicamentos, como pesas, botes de vidro, etc.
|
 |
|
Museo de Chiado |
 |
Os seus depósitos inicialmente compoñían o Museo Nacional de Arte Contemporánea, pero tivo que cambiar de nome en 1994, cando a súa colección de pinturas comprendidas entre 1850 e 1950 deixou de ser contemporánea. Sitúase nun almacén restaurado dividido en 12 salas temáticas, ilustrando o desenvolvemento pictórico e escultórico desde o Romanticismo, ata o Modernismo. Son obras na súa maioría portuguesas, pero tamén hai algunha internacional, entre as que salientan debuxos de Rodin e escultura francesa de finais do século XIX. Outros afamados museos de arte contemporánea lusos son o Museo de Arte Contemporánea de Sintra, ou o Museo de Serralves, en Oporto. Este último foi concibido polo arquitecto Álvaro Siza e presenta unha valiosa colección desde finais dos anos 60 ata a actualidade.
|
 |
|
Madeira, cidade do descubrimento |
 |
A illa de Madeira, e especialmente a cidade de Funchal, aglutina unha gran cantidade de museos que dan testemuño da cultura e historia do arquipélago. A obra pictórica queda plasmada no Museo de Arte Contemporánea e a de Arte Sacra, este último cunha espléndida colección de pintura flamenca. A azulexaría, o mobiliario antigo e a arte relixiosa quedan de manifesto no Museo da Quinta das Cruces e na Casa Museo Frederico de Freitas. Tamén aquí está o ‘Photografia Museu Vicentes’, o único museo fotográfico portugués. A artesanía, na que sobresaen os bordados está ben exposta en grandes museos como o Núcleo Museolóxico do Instituto do Bordado, Tapices e Artesanía de Madeira. Tamén se reflicte a forma de vida da illa en museos do viño, o azucre ou a pesca da balea.
|
 |
|
Outros museos |
 |
|
Tan inxente é o patrimonio museístico portugués que outras moitas galerías deben ser citadas. É o caso do Museo Amadeo de Souza-Cardoso, dedicado a este pioneiro do modernismo, en Amarante; o Museo Nacional Soares dos Reis e o Museo Romántico, en Oporto; o Museo de Carrozas e o Museo do Deseño, en Belém; ou as coleccións arqueolóxicas de azulexaría, pintura e arte barroca do Convento da Concepción e Museo Raíña Dª Leonor, en Beja.
|
|