|
|
 |
|
O mellor do pop comercial e independente dáse cita n avila alacantina de La Nucia
|
 |
No verán 2002 comezaba a andadura do Mediatic Festival, un encontro musical co obxectivo de promover o pop e o rock fundamentalmente en castelán no xovial entorno dun festival de verán. O municipio de La Nucia revelábase como o perfecto enclave polo seu fermoso espazo natural a medio camiño da costa e o interior. Co transcurso dos anos o festival converteuse nunha cita imprescindíbel para os amantes do pop e o rock nacional cun cartel de 45 artistas no presente cartel. A VI edición celebrarase os vindeiros días 11 e 12 de maio no Polideportivo Camilo Cano de La Nucia e contará con tres escenarios principais e tres carpas temáticas divididas por estilos musicais. O festival contará cunha ampla zona de acampada xunto ao recinto de concertos, acondicionada con aseos, duchas e servizo de bar-cafetería, ademais dunha área de tendas e hostalaría dentro do festival. |
 |
|
Scorpions, a aposta internacional |
 |
Este ano o Mediatic Festival vén encabezado por unha gran aposta internacional. Trátase da mítica banda alemá Scorpions, creadora de auténticos himnos e baladas que quedaron gravadas no inconsciente colectivo. Os rockeiros presentarán en La Nucia o sábado 12 de maio un repertorio que combinará cancións do seu novo disco, que sairá dous días despois da súa actuación, cos seus éxitos de pasadas décadas. A formación comezou a súa andadura en 1972 e máis dunha vintena de álbums publicados e millóns de seguidores en todo o mundo avalan a súa carreira. Agora, 35 anos despois, están dispostos a arrasar ante un público tan querido para eles como o español. Sen dúbida unha actuación que fará vibrar aos máis veteranos á vez que ofrecerá ás novas xeracións a posibilidade de asistir ao concerto dunha lenda do rock. |
 |
|
O mellor do pop independente |
 |
Se hai un estilo no que esta edición se comprometa, polo menos en canto a número de bandas, ese sería o pop independente para todos os gustos, bandas que viven a miúdo á marxe da gran industria discográfica pero son un gran reclamo neste tipo de acontecementos. No escenario ‘Pop Sound’ haberá xa nomes clásicos, como Deluxe, Sidonie, La Habitación Roja e os máis rockeiros Standstill ou Sex Museum. Outros de menos percorrido pero na mellor forma son Maga, Lori Meyers, Standard e Second. Do outro lado do charco chegarán os colombianos Aterciopelados e os arxentinos Babasónicos, cunha longa traxectoria, pero que coñeceron o éxito español recentemente. |
 |
|
Rock duro e revival 80’s |
 |
O pop máis comercial e actual tamén terá a súa cabida, en especial coa actuación de Melendi e o seu pop mestizo ou a nova promesa que son Nena Daconte. Pero sobre todo hai que salientar unha lista do mellor da música popular española dos oitenta, que fará as delicias de nostálxicos, con Danza Invisible, Antonio Vega, Los Limones, Seguridad Social, La Frontera, Tennesee e a graza de Pepe Begines (No me pises que llevo Chanclas) O rock de raíz porano a Vargas Blues Band e a Daniel Higiénico Band, mentres que os incorrexíbeis Mojinos Escozíos montarán o seu particular e satírico circo do rock. A eles sumaranse lendas incombustíbeis do rock duro e o heavy metal patrio como Rosendo, Ilegales, Barón Rojo e Obús. Saratoga e Estirpe sairán ao escenario como alumnos avantaxados nas súas diferentes concepcións dos sons metálicos.
|
 |
|
La Nucia |
 |
A bo seguro que os organizadores do festival valoraron moitos factores á hora de decantarse por este alacantino municipio para albergar unha cita anual destas características. Por un lado, a súa proximidade con Benidorm permite aos asistentes plantarse nun instante nas súas praias e complexos hoteleiros. Por outro lado o fundamental espazo que ofrece esta zona situada nun val de froiteiras e piñeiros, ao abrigo da Serra de Aitana e que permite conxugar os encantos do interior e da costa. Mentres que o seu fermoso entorno é ideal para realizar rutas a pé ou en bicicleta por pintorescas paraxes como a fonte da Favara ou o Puig Campana, a súa propia zona antiga está chea de recunchos desde onde se obteñen preciosas vistas dos arredores. A súa maraña de casas de branca cor e a súa igrexa parroquial conservan o ambiente tradicional dunha vila que tamén conta con elegantes e modernas urbanizacións. É famoso na comarca o mercado dominical que se celebra na avenida de Porvilla, onde se pode atopar todo tipo de obxectos de segunda man. Tamén o son as festas en honor da Purísima Concepción, que se celebran a mediados de agosto e a festividade de San Rafael, en novembro. Un calendario, no que cada ano salienta con máis forza o Mediatic Festival, un evento que pon a La Nucía en letras grandes no mapa musical do verán.
|
|