Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Monfragüe, oasis mediterráneo no corazón de Estremadura
O nome de Estremadura non pode ser máis gráfico. Porén, sempre queda lugar ás excepcións. En pleno corazón dunha das terras máis duras polas súas oscilacións climatolóxicas, ao abrigo do leito do río Texo agóchase un edén de dimensión se fermosura descomunais. O parque natural de Monfragüe, último refuxio do voitre negro, é un paraíso máis divino que terreal.
imagen

A comarca de Monfragüe atópase na provincia de Cáceres, flanqueada polas localidades de Navalmoral de la Mata, Plasencia e Trujillo. Nas faldras do val do Texo agóchase ou presérvase un magnífico espectáculo natural, primeiro espazo protexido da comunidade. É o Parque Nacional de Monfragüe, un dos catorce existentes en España. 

O bosque érguese nunha área privilexiada de 17.852 hectáreas de extensión, referente do prototipo de bosque e matogueira mediterránea. Os romanos foron os acertados batistas da zona. A palabra elixida foi ‘Monsfragorum’, que en latín significa literalmente “bosque fragoso”, é dicir, repleto de matas.

Esténdese a ambos lados do río Texo, incluíndo a súa fértil desembocadura e un tramo do río Tiétar. Este inmenso bosque é hábitat natural de numerosos rapaces que contribuíron a prodigar a beldade desta paraxe polo mundo enteiro. E é que son numerosos os afeccionados ao albiscamento de aves que acoden ao reclamo do voitre negro, unha especie en grave perigo de extinción que atopou no parque o seu último refuxio para vivir en liberdade. As 286 parellas que habitan no parque representan a maior comunidade destas aves existente en todo o mundo. No eixe central montañoso localízanse a maioría dos niños das rapaces, tanto nos cantís serráns e fluviais como nas masas de monte mediterráneo.

Para preservar intacto o hábitat de flora e fauna, o parque ten restrinxido o acceso ás zonas máis sensíbeis, o que representa unha ampla extensión. Porén e nun esforzo por compatibilizar a súa conservación co goce público, as autoridades deseñaron itinerarios que lle permiten ao visitante contemplar o frondoso esplendor do parque.

O castelo de Monfragüe, señor das terras
imagen

Desde as chozas da parte baixa de Villarreal pode emprenderse máis que o camiño a peregrinación ao castelo de Monfragüe, silueta dominante do parque desde o seu elevado promontorio. O camiño que separa o visitante da fortificación ten máis dunha decena de quilómetros, polo que é aconsellábel dispor de todo o día libre para acadar tranquilamente a meta. Unha excursión digna de cantimplora e bocadillo, fatigosa pola elevada pendente á sombría da serra, desgaste que será sen dúbida mitigado pola intensa beleza da vexetación ao longo de todo o ascenso.  

Xa no recinto do castelo, onde aínda se manteñen en pé restos da súa muralla, o visitante poderá gozar das impresionantes vistas que desde a súa elevación ofrece. As súas dúas torres datan de época cristiá. Está permitido o acceso a unha delas, de forma pentagonal e construída no século XV en forma pentagonal. A outra torre, moi deteriorada, é de forma cilíndrica.

Case pegada a unha das torres do castelo atópase unha ermida, de construción máis moderna, que alberga á Virxe de Monfragüe, unha talla bizantina traída no século XII desde as portas de Xerusalén, en Palestina, polos cabaleiros cruzados. 

Vestixios prehistóricos
imagen

A ampla variedade de fauna e flora non son os únicos tesouros atávicos de Monfragüe. En numerosos “abrigos” que ofrece a súa montañosa espiña dorsal descubríronse máis de 70 representacións de arte rupestre, tanto en profundas covas como en pequenos ocos. En vivas cores vermellas que se preservan hoxe en día grazas ao amparo da montaña, aparecen representadas figuras antropomórficas, ídolos e animais. Preto do castelo atópase a cova máis célebre, onde un panel central domina a cova. En todos os casos, as pinturas aparecen en lugares estratéxicos da orografía, puntos elevados que facían as veces de atalaias.

Vistas espectaculares desde o cerro Gimio
imagen

Resulta indispensábel levar a vestimenta adecuada para atreverse con esta ruta de sete esgotadores quilómetros. Porén, tanto o traxecto como a meta merecen o esforzo. O itinerario comeza en Villarreal de San Carlos. Xunto á estrada Trujillo-Plasencia, a uns poucos metros atópase o primeiro indicador do percorrido. A través dun camiño de eucaliptos, especie moi abundante polas replantacións nas décadas dos 60 e 70, chégase ao arroio de Malvecino e seguindo o curso deste,  á encantadora ponte homónima de madeira e cachotaría que o cruza. Desde este punto comeza a ascensión pola ladeira ata o monte Collado, á súa vez antesala do cerro Gimio. Pode recuperarse o resollo no miradoiro do Collado, desde onde se aprecia unha maxestosa paisaxe. Desde o cerro, a paisaxe enlazada co azul do río Texo -a zona coñecida como Salto del Gitano- domina e embarga os sentidos.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva