Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


A natureza submarina do cantábrico
Na Costa Verde asturiana pódese desentrañar o secreto dos fondos mariños do cantábrico
Unha forma diferente de coñecer as costas é a través das súas profundidades mariñas, un mundo de vexetación e fauna inexplorado e tan fascinante como o exterior. Ecosistemas restrinxidos para os ollos humanos que conservan a natureza nun estado puro e cheo de biodiversidade.
A Costa Verde
Costa Verde

O litoral cantábrico é unha franxa costeira salpicada de natureza salvaxe en plena loita de forzas. A estampa natural de acantilados e montañas azoutadas por auga e vento queda ben representada na chamada Costa Verde asturiana, bendicida con extensas praias, algunhas en estado semivirxe e pedregais bañados por cristalinas augas. Paraxes de gran beleza e absoluta tranquilidade.

Pero se hai algo que identifique á costa cantábrica é o aura de misterio que tan ben reflexa a costa asturiana. Este enigma só poderá ser resolto somerxéndose nos seus fondos mariños, uns dos xardíns oceánicos máis ignotos da xeografía española. As razóns disto poden ser a bravura deste mar, moito máis arisco e variábel que o Mediterráneo. A mellor tempada para somerxerse nas súas augas comeza en primavera e esténdese durante o verán.

O dualismo das correntes

O hábitat mariño do mar Cantábrico vén delimitado por unhas temperaturas lixeiramente superiores ás augas veciñas do Atlántico galego ou a Bretaña francesa. A súa outra particularidade é un complexo sistema de correntes que implica unha clara distinción das súas zonas leste e oeste, creando ecosistemas radicalmente diferentes á par que fermosos. Ambos son moi atractivos para o deporte do mergullo e todo aquel que guste de buscar unha forma de natureza en principio oculta.

Na zona oeste as augas son máis frías e os fondos mariños lembran aos da Bretaña francesa ou a costa sur de Inglaterra, ofrecendo inquietantes paisaxes de frondosa vexetación. En cambio a cara oriental dos seus fondos ata o Golfo de Biscaia ofrece un entorno algo máis cálido e salino con flora e fauna afín á das augas atlánticas. É unha zona máis apta como escenario para deportes náuticos, entre eles o submarinismo. 

Costa occidental
Buceador

Zonas de mergullo importantes nesta zona poden atoparse en vilas como Valdés, El Franco, Luarca, Soto del Barco ou sobre todo Cudillero, con varios puntos de inmersión, se ben a infraestrutura de centros de mergullo é escasa. Un dos mellores puntos é a fermosa Playa del Silencio, un pequeno paraíso enclavado entre un abrupto acantilado e unha serie de illotes. Chegar a ela é unha pequena odisea para o mergullador, pero merece a pena.

Baixo os acantilados do Cabo Nocedal, no lado dereito da praia, os fondos impresionan pola riqueza en tons verdosos que achegan as súas algas laminarias, de ata dous metros de lonxitude. Os ocres e amarelos doutras especies arroupan este espectáculo cromático polo que mergullan os lábridos ou peixes de fondo, ademais de cabrachos e blénidos. Nestes fondos que acadan como máximo os quince metros de profundidade, sepias e polbos empoléiranse entre as gretas, deixando rastro dos seus ovos.

Outros puntos de mergullo populares atópanse en Oviñana, preto do Faro de Vídio, cun acceso máis cómodo ata o seu peirao. Ante o submarinista descóbrense selvas de algas e os chamados Cañones de Oviñana, un labirinto de corredores rochosos polo que se atopan fuxidíos espirógrafos, esponxas, moluscos nudibranquios, sargos, robalizas e todo tipo de fauna esquiva que pon a nota de cor. Tamén é importante a Concha de Artedo, en Cudillero, cuxa parede esquerda, Punta Austera é famosa polas súas gretas tapizadas de esponxas e gorgonias. Lonxe das rochas é posíbel contemplar raias e tembladeras no fondo areoso.

Costa oriental
Naturaleza marina

Non todo é fauna e flora nos fondos asturianos. En Cabo Peñas pode incluso encontrarse restos dun cargueiro, aínda que nunha zona moi complicada. Entre estas ruínas subacuáticas crearon hábitat congros, lagostas e centolas, mentres pequenos bancos de sardiñas e cabalas percorren o lugar. Nesta parte do litoral hai maior número de centros de mergullo que organizan saídas en puntos de inmersión ben preparados. 

Tal vez a zona máis recomendábel sexa a comprendida entre Llanes e as proximidades de Cantabria. A área de mergullo sitúase entre os illotes de Pesues e El Castrón de Santiuste e as súas inmersións máis recomendadas localízanse dentro do ecosistema protexido dos Acantilados de San Emeterio. Trátase duns acantilados virxes con formacións caprichosas, túneles, canóns e grutas que conforman unha espectacular paisaxe. Entre a súa rica e colorida vida submarina atópanse congros, lumbrigantes, pastinacas, esponxas, anemonas que moven os seus tentáculos ao son das correntes ou ourizos de mar.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva