 
Novas “marabillas” españolas
|
|
|
 |
|
España conta cun importante número de monumentos que nada ten que envexar ás novas marabillas do mundo
|
 |
|
A actual extinción de todas as marabillas do mundo antigo agás a Gran Pirámide de Giza, moveu a unha iniciativa privada a propor unha votación popular para elixir as sete marabillas do mundo moderno. Entre elas unha candidata é a Alhambra pero moitos monumentos españois declarados Patrimonio da Humanidade segundo a UNESCO quedáronse ás portas.
|
 |
|
Marabillas do cantábrico |
 |
De auténtica institución relixiosa pódese cualificar Santiago de Compostela e a súa Catedral, final da peregrinación. Este edificio é unha marabilla do románico revestida con elementos de estilos posteriores, salientando a súa fachada barroca, o Altar Maior ou o apocalíptico Pórtico da Gloria. Lugo en cambio, viu a súa zona histórica protexida ao longo da historia coa súa muralla romana, con máis de dous quilómetros de lonxitude e en óptimo estado de conservación. Cantabria pode lucir con orgullo a máis prehistórica das “marabillas” desta lista. Son as Covas de Altamira, preto de Santillana del Mar. A perfección das súas pinturas rupestres foi todo un achado no seu día. Non moi lonxe atópase unha das obras máis modernas, a Ponte de Biscaia. Trátase dun transbordador que une as dúas marxes do Nervión, deseñado por Alberto de Palacio, nun estilo que lembra ao da Torre Eiffel.
|
 |
|
Gaudí e o Reino de Aragón |
 |
Ten Barcelona dúas xoias da modernidade que sempre simbolizou a cidade. Por un lado o magnífico espazo recreativo que supón o Parque Güell. O mestre Gaudí non só legou aos barceloneses este recinto axardinado con elementos arquitectónicos, senón que deixou a inconclusa catedral modernista da Sagrada Familia. Esta marabilla que se segue construíndo ao ritmo da antigüidade, é embaixadora da capital catalá en todo o mundo. O tarraconense Mosteiro de Santa Maria de Poblet é panteón real dos reis aragoneses, desde Afonso II e un dos tres españois recoñecidos pola UNESCO. A mostra máis setentrional de arte árabe atópase xa en Zaragoza. A súa Alfajería foi residencia dos reis hudíes e máis tarde non só cristianizada senón habitada polos Reis Católicos. Hoxe sede das Cortes de Aragón, aínda reflicte o esplendor do reino taifa. Igual de maxestosa é outra obra neste caso civil; a Lonxa da Seda de Valencia dá lustre ao centro histórico coas súas trazas góticas e o seu aspecto de fortaleza. |
 |
|
Monumentalidade real |
 |
En torno á capital hai todo un rastro de monumentalidade que non podía quedar fóra desta lista. O Mosteiro de San Lorenzo del Escorial é parada ineludíbel coa súa factura grandiosa e o seu Panteón Real, esculpido en mármore e xaspe. Aranjuez e o seu Palacio Real son unha obra mestra da integración de arquitectura e medio natural, cos seus neoclásicos xardíns. Un recente engadido é a Universidade de Alcalá de Henares, lugar de nacemento de Cervantes no que salienta o Colexio de San Ildefonso. A maior fama de Cuenca son as Casas Colgadas, curiosas vivendas que parecen suspendidas no ar sobre farallóns rochosos, outra imaxe moi peculiar de arquitectura integrada no entorno. Dentro da amurallada zona antiga toledana non só salienta o seu aceiro, senón tamén o seu Alcázar, o primeiro en ser edificado con planta cadrada, torres nos seus ángulos e co encanto engadido de que cada fachada é portadora dun estilo diferente. |
 |
|
Legado romano e árabe |
 |
Na localidade cacereña de Guadalupe, atópase o mosteiro do mesmo nome cruce de estilos gótico, mudéxar, renacentista, barroco e neoclásico. Máis ao sur, na capital estremeña, Mérida, a civilización romana deixou pegadas máis que visíbeis. Neste importantísimo núcleo clásico salienta o Teatro Romano. Con capacidade para 3.000 asistentes nas súas gradas e nun entorno que favorece a acústica, é empregado aínda hoxe en día de maneira puntual. Córdoba tamén dá mostras dun glorioso pasado, neste caso musulmán. O seu maior símbolo non é outro que a Mesquita, o templo islámico máis importante de Occidente. Un fermoso labirinto de columnas e arcos bicolores que alberga no seu interior a catedral construída con posterioridade. E é que a herdanza cristiá ten a súa presenza arquitectónica en Andalucía, especialmente na Catedral de Sevilla, un dos templos góticos máis importantes, sendo o terceiro máis grande da cristiandade. Ademais conserva o minarete da antiga Gran Mesquita, é dicir, a Giralda. |
|