Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Vilas mariñeiras
O litoral cantábrico está repleto de pequenas vilas que preservan todo o encanto das vilas mariñeiras
Refuxio de acantilados e praias practicamente inmaculadas, a costa cantábrica conta cunha importante tradición mariñeira. Vilas de hábitos pesqueiros sucédense ao longo deste recio litoral sometido ás forzas da natureza. Desde Galicia ao País Vasco son numerosas as localidades que dan testemuño dunha forma de vida entregada cara o mar.
Malpica de Bergantiños
Bermeo

Ao noroeste da provincia da Coruña, en plena Costa da Morte atópase unha das vilas pesqueiras máis típicas de Galicia. A súa actividade sempre estivo vinculada ao mar, xa desde o século XVII coa pesca de cetáceos aínda que hoxe se dedica fundamentalmente á pesca de baixura e ao marisqueo. Este apego ao mar queda de relevo nas paredes da Casa do Pescador, adornada polos trazos do pintor Urbano Lugrís, que dedicou gran parte da súa obra á imaxinería que a localidade lle brindaba.

Na actualidade Malpica conxuga a súa vida portuaria cunha crecente vea turística. E é que o visitante vese absorbido por tradicións gremiais como os boteiros que levan desde o muro do porto ata as embarcacións pesqueiras, as atadoras que remendan as redes ou as poxas na lonxa á primeira hora da tarde. Indispensábel é camiñar polas súas empinadas calellas e contemplar as vellas casas de arquitectura mariñeira. Mostras de tradición son tamén a súa gastronomía na que salientan as caldeiradas de peixe, o polbo ou marisco, así como as súas Festas do Mar en agosto.

Tazones
Malpica

Na costa do asturiano concello sidreiro de Villaviciosa e na desembocadura da súa ría, atópase Tazones, outro porto de orixe baleeira que conxuga o mellor do mar e da montaña. A súa paisaxe urbana fórmana humildes aínda que belas casiñas e empedradas rúas mariñeiras que ven os días pasar ao arrolo das ondas. O municipio sitúase entre dúas penas e precipítase cara o mar nunha sucesión de brancas vivendas e mostras de patrimonio como a Casa das Cunchas, cuberta destas coirazas.

Ao seu pequeno porto chegan cada tarde as delicias mariñas que seducen o visitante en pratos de marisco e peixe da máis alta calidade. A evidencia da súa comuñón co mar ilústraa cada ano San Roque, data na que celebran unha tradicional procesión de lanchas polo porto, levan nunha delas o santo a bordo. Como complemento perfecto, nos seus pedregais pode tamén seguirse a pegada dos dinosauros, con rutas sinalizadas.

Ubiarco

Outro porto marcado polo verdor da montaña e o azul das augas é Ubiarco, no medio dun val pegado ao mar. Dentro da localidade cántabra de Santillana del Mar, diferénciase dos anteriores por unha tradición tamén gandeira e polas súas terras de pastos en suave descenso. Esta xeografía convérteo nun lugar apto para o contacto coa natureza e o turismo rural, moi implantado na zona.

A praia de Santa Justa é un pequeno reduto natural de area fina, rodeado de muros de pedra. É todo un pracer sentarse en soidade a contemplar a forte ondada azoutando as rochas. Xunto ela salienta unha ermida situada ao abeiro dun arco natural que parece datar do século XVI aínda que carece de elementos decorativos. O contorno da vila cara o interior pasa por agrestes montañas, máxicos bosques e amábeis pradarías. Ecosistemas que albergan unha rica fauna con raposos, xabarís, gansos, miñatos, gaivotas ou corvos mariños. Sen esquecer tesouros das súas augas como a robaliza, a centola, o percebe, a troita ou a sardiña. 

Bermeo
Ubiarco
O biscaíño porto de Bermeo aloxa a maior flota de pesca de baixura do cantábrico. É por isto que unha das súas imaxes máis típicas son as fileiras de barcas amarradas que visten o mar de vivas cores. Á súa imaxe e semellanza, os pescadores levantaron as súas casas mirando ao mar e pintáronas con diferentes tons. En cada rúa do seu barrio pesqueiro respírase mar, así como na súa lonxa ou na Confraría de Pescadores. Entre outros edificios salienta a Torre de Ercilla, Monumento Histórico Artístico do século XV e sede do Museo do Pescador.

A localidade non se pode abandonar sen inmortalizar unha das estampas máis impresionantes que se poidan atopar na costa cantábrica. Trátase da ermida de San Juan de Gaztelugatxe, empoleirada nun illote que se comunica coa terra mediante unha ponte.
  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva