Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Vilas monumentais de Madrid
Os arredores de Madrid están envoltos de enclaves históricos vinculados á realeza
Alcalá de Henares

Esta localidade madrileña é famosa pola súa prestixiosa universidade e por ter visto nacer a Miguel de Cervantes, cuxa Casa Museo se pode visitar. Conta cun inxente patrimonio monumental que transporta ao visitante ao Século de Oro. Distinguiuse como foco cultural a partir do século XV coa fundación da ‘Universitas Complutenses’, que atraeu eruditos e relixiosos, levantándose así edificios como o Palacio Arcebispal. 

As obras do palacio comezaron no século XIII, co Torreón del Tenorio, mentres a fachada principal data do século XVI. O seu patio é anualmente o escenario da representación do "Don Juan" do día de todos os santos. Tamén a fachada da Catedral de los Santos Niños Justo y Pastor serve a este propósito teatral. Trátase dun edificio gótico con posterior torre ferreriana. Entre os edificios universitarios sobresae o Colegio de San Ildefonso, que conserva no seu interior aulas da construción primitiva. A actual fachada plateresca é do século XVI. Nas súas dependencias atópanse magníficos claustros e patios renacentistas e barrocos.  

Máis xoias académicas son o antigo Colegio Menor de San Jerónimo, actual Hospedaxe de Alcalá de Henares, e o renacentista e mudéxar Patio Trilingüe, onde se impartían clases de latín, grego e hebreo. O antigo Colegio del Rey é sede na actualidade do Instituto Cervantes, dedicado á difusión do castelán. En torno á Plaza de Cervantes atópase o Teatro dedicado ao escritor, así como p Concello, a Capela de Oidor, o Colexio de Málaga e o Convento de Santa Úrsula.

Aranjuez

Expoñente dunha magnífica simbiose entre natureza e obra humana, Aranjuez recrea paisaxes nos que bosques e cursos de auga entran en simbiose con xardíns e palacios, nunha aplicación dos conceptos urbanísticos da Ilustración. Precisamente os xardíns son un dos seus bens máis prezados. Ante a fachada do Palacio Real encóntrase o anglófilo Jardín del Parterre, con belas esculturas nas fontes. O xardín da Isla, esténdese entre o curso do Texo e a Ría, mentres que o do Príncipe é máis boscoso e afrancesado. 

O Palacio Real é unha xoia madrileña, actualmente froito de varias reconstrucións e engadidos. A súa factura comezouna Juan Bautista de Toledo, arquitecto de Felipe II e foi evolucionando por orde doutros reis. No seu interior descansa unha completa colección de pezas barrocas como reloxos, porcelanas ou pinturas varias. No resto da vila salienta a barroca disposición de rúas arboradas e amplas avenidas. Un trazado aberto que facilita o deleite visual con monumentos como a Fuente de la Mariblanca, o Teatro Real, a Casa de Oficios y Caballeros ou o Mercado de Abastos.  

O conxunto palaciano contémplano o de Osuna, Medinaceli ou Godoy, mentres que a arquitectura sacra queda máis que satisfeita co Convento de San Pascual e as igrexas de Alpajés e San Antonio, cada unha coas súas particularidades. Outro edificio ilustre é a estación de ferrocarril de estilo neomudéxar. Como cidade cortesá tamén conserva santuarios do ocio, como a praza de touros e o seu museo ou as Cocheras de la Reina Madre, que hoxe son un centro de exposicións e recitais. 

Chinchón

Situado na depresión do Texo, a 45 km da capital, Chinchón é unha das vilas máis pintorescas da comunidade con paraísos naturais próximos como a braña da Laguna de San Juan ou un Parque Rexional en torno ao Manzanares e o Jarama. As súas orixes remóntanse á época dos Carpetanos e pasou por mans romanas, visigodas e árabes ata a reconquista en 1139, ano desde o que viviu un rico pasado con nomeamentos de reis e outros acontecementos históricos. 

A vila resúmese na súa fermosa Praza medieval, de planta irregular e formada por casas de dúas e tres alturas con balcóns de madeira corridos. No tocante a edificios salienta a igrexa de Nuestra Señora de la Asunción, que foi reconstruída nunha mestura de estilos gótico, plateresco, renacentista e barroco. O seu tesouro máis prezado é a pintura de Goya, “La Asunción de la Virgen”. Interesante é tamén o Convento de las Clarisas, a Torre del Reloj ou os restos dun castelo do século XV. As típicas casas asentadas en cerros salientan no centro coas casopas nobres con brasóns, belos patios e galerías soportadas por columnas. 

San Lorenzo del Escorial

Esta localidade empoleirada na Serra de Guadarrama, ten no Monasterio de El Escorial o seu principal atractivo. Non obstante o seu trazado urbano é unha obra de arte que harmoniza casas señoriais de estilo ferreriano, con avenidas racionalistas e recolectas prazas. Un conxunto de arquitectura típica serrana en granito e lousa rodeado dun entorno natural de bosques e montaña. N avila salientan monumentos como a Casa de los Infantes y la Reina ou o Coliseo de Carlos III. 

A complicada estrutura do Real Monasterio contrasta coa simplicidade das súas liñas e concentra a atención do visitante na harmonía de patios, fontes, claustros e torres. A basílica alberga máis de 4000 estancias e a ela accédese polo Patio de los Reyes de Judea, que conta cun ciborio de case cen metros de altura. Alberga tamén o Panteón Real, esculpido en mármore e xaspe, onde repousan restos de monarcas das casas de Austria e Borbón. 

Máxima expresión da grandiosidade deste conxunto monumental son a cúpula da Basílica, o Patio de los Reyes, ou o suntuoso Palacio de los Borbones. Os documentos sobre a construción de tal magna obra visual pódense consultar no Museo de Arquitectura. O patrimonio testemuñal e artístico é colosal, con abundantes manuscritos na Biblioteca e unha colección de tapices e pinturas na que figuran Greco, Velázquez ou El Bosco.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva