 
Segovia, máis alá de tópicos
|
|
|
 |
|
Internacionalmente famosa como a capital do leitón asado e o acueduto romano, Segovia agocha moita riqueza en varios sentidos. O resto do seu trazado urbano e a súa gastronomía merecen a mesma atención do visitante.
|
 |
|
Como unha desas cidades acostumada ao esplendor de antigas civilizacións, Segovia atesoura un encanto especial. Foi xa importante para os romanos e viviu un auténtico esplendor medieval sendo residencia da corte dos Trastámara, ademais dun puxante núcleo de actividade gandeira e téxtil. Dentro e fóra da súa muralla estendéronse torres, conventos, igrexas, edificios mudéxares e xardíns que evidencian a fusión cultural e histórica que continúa manando por cada pedra segoviana.
|
 |
|
Grandes monumentos |
 |
|
 |
| |
 |
|
Pese a que Segovia conta con moitos outros atractivos non cabe dúbida que o magnífico acueduto é unha visita ineludíbel, máxime cando se atopa na porta de entrada á zona histórica. Situado na praza do Azoguejo, esta xoia da arquitectura do imperio romano abastecía á cidade dunha auga que se obtiña a 15 quilómetros de distancia. Conta con 163 arcos e 29 metros de altura, unha complexidade que se sustenta unicamente grazas á forza da gravidade sobre cadeirados de pedra. Tal obra de infraestrutura romana constitúe xunto co altivo Alcázar, a máis internacional das estampas segovianas. Esta última especúlase que procede tamén da época romana, aínda que o primeiro testemuño fiábel data xa do século XII. O seu actual aspecto gótico tomouno porén no XIII, sendo finalizado en 1587 coa construción do Patio Principal e A Escola de Honor. Esta inexpugnábel fortaleza foi residencia de Afonso VIII. Trátase dunha fortificación construída sobre unha elevación rochosa, o que lle outorga excelentes vistas da urbe desde a torre ameada. Atópase nun extremo do recinto amurallado, tras os xardíns da Raíña Victoria Eugenia. A súa torre de 80 metros mira con orgullo as outras doce pequenas torres e o foso. Posúe tamén pasadizos secretos que descenden ata o río comunicando con outros palacios segovianos. |
 |
|
Conxunto arquitectónico |
 |
Porén existen outros moitos atractivos monumentais nesta histórica cidade castelá, cuxa beleza e fisionomía en conxunto lle valeu a declaración como Cidade Patrimonio da Humanidade en 1985. O principal é a estrutura labiríntica e tipicamente medieval da zona antiga. Rúas estreitas que dan a pequenos recunchos e íntimas prazas nun percorrido salpicado de casas nobiliarias con escudos heráldicos gravados. |
 |
|
Intramuros |
 |
 |
| |
|  |
O recinto amurallado alberga edificios medievais e renacentistas. Algúns dos máis importantes son La Casa de los Picos, coa súa fachada decorada con puntas de granito, ou a Alhondiga, un antigo celeiro gótico. Tamén está a Torre dos Lozoya, estrutura defensiva do XIV, hoxe sede de exposicións culturais. Os templos tamén merecen atención comezando pola igrexa de San Martín, na praza de Medina del Campo que conxuga elementos mozárabes, románicos e mudéxares. Preto sitúase o Convento do Corpus Christi que se levanta sobre unha antiga sinagoga, sendo a Igrexa de San Miguel o lugar no que se coroou a Isabel a Católica como Raíña de Castela. Nas proximidades da porticada Praza Maior sitúase a Catedral, exemplar do gótico tardío español. Foi comezada no XVI e na súa factura empregáronse detalles do antigo templo como un claustro gótico hispano-flamenco, o cadeirado do coro e a fachada principal. Aspectos máis modernos son a porta de San Frutos, a ábsida, o retablo maior e o trascoro neoclásico. Salientan as esculturas barrocas e neoclásicas das capelas menores así como a colección do Museo Catedralicio. No barrio dos Caballeros concéntranse edificios nobres e palacios como os de Floresta, Conde Cheste ou Uceda-Peralta. Tamén hai igrexas románicas ilustres, sendo o caso da de San Juan de los Caballeros que alberga o Museo Zuloaga, San Nicolás ou San Esteban, esta última xoia do románico tardío. Salientar por último a igrexa da Trinidad, situada entre dúas obras de arquitectura militar medieval, como son a Torre de Hércules e a Torre de Arias Dávila. |
 |
|
Extramuros |
 |
Fóra do recinto amurallado, a cidade ofrece un itinerario de prazas, xardíns e edificios románicos, con especial atención ás igrexas. A de San Millán é expoñente da arte segoviano do século XII grazas á súa torre mozárabe, o seu atrio e as súas ábsidas. Na de San Clemente salienta unha ábsida de arcos cegos, mentres que as pinturas románicas son o patrimonio da de San Justo.
O mosteiro de San Antonio el Real, antiga residencia de verano do rei Henrique IV, é outra das visitas necesarias. Nel pódese apreciar o seu artesoado mudéxar, así como pezas flamencas do século XV, mobiliario, esculturas e outros obxectos da época. Outras paradas son a Casa-museo de Antonio Machado ou o Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente. |
 |
|
Gastronomía |
 |
A riqueza de Segovia está tamén nos seus mesóns. Os seus campos achegan materias primas de alta calidade que son ben aproveitadas na súa deliciosa gastronomía, artesá e tradicional. O leitón e o bácoro asado son os seus pratos máis demandados pero non son os únicos. Acompáñanlles a sopa castelá de allo e pan, as caldeiradas ou guisos de carne e os pratos de caza. Viandas que por suposto hai que regar co típico ponche segoviano ou con vinos da próxima Ribera del Duero. Á altura desta denominación de orixe están os xudións de La Granja de San Ildefonso ou o chourizo de Cantimpalo. O restaurante do Parador de Turismo de Segovia ofrece unha ampla carta de receitas ancestrais preparadas en forno de leña á vez que brinda estupendas vistas da cidade.
|
 |
|
MÁIS INFORMACIÓN: |
 |
|
|
|