|
 |
| |
 |
|
Común a todo o país como é a Semana Santa, a súa celebración conta con peculiaridades en cada zona. Probabelmente as máis famosas sexan en Andalucía as de Sevilla e Málaga. Aquí a esencia da festa é menos mortificadora e máis xubilosa.
Málaga distínguese polo seu carácter teatral con roupaxes cerimoniais, queima de cirios, pombas liberadas e pasos como o de Xesús o Rico, con máis de douscentos portadores. Famoso é o seu acto de amnistía, en que a figura de Xesús o Nazareno libera a un preso. Na de Sevilla destaca “La Madrugá”, procesión multitudinaria na noite do xoves ao venres e acto central das festas, así como as imaxes de Xesús do Gran Poder, a Esperanza de Triana ou a Macarena. A Semana Santa castelán-leonesa está marcada en cambio polo silencio e a austeridade. Son desfiles que combinan tradición e fervor relixioso á vez que pasean a rica imaxinería que o pasado lles gardou. A sobriedade das súas procesións cheas tan só é alterada polo son de trompetas, tambores e cantos gregorianos. Na media noite do mércores comeza en Zamora a procesión das Capas Pardas, acto importante dunha festa primixenia. O venres a cita trasládase a León con La Ronda, na que os confrades chaman aos seus veciños para a procesión da mañanciña. Tamén haberá que madrugar para contemplar en Valladolid aos xinetes que pregoan o Sermón das Sete Palabras. Co anoitecer do venres, Salamanca súmese no lamento coa morte de Cristo. A resurrección dominical é celebrada en Segovia e en moitas outras vilas co “reencontro" das figuras de Xesús e a Virxe. En Cartagena o final de cada cortexo envólvese de emoción ao unirse miles de fieis para cantar en honor á Virxe mentres que en Lorca os desfiles inclúen personaxes e escenas bíblicas. En Cuenca a música está moi presente, cos claríns acompañando os pasos e cos concertos da Semana da Música Relixiosa. Mención especial merece a Procesión do Domingo de Ramos de Elche, un desfile protagonizado pola fermosura das súas palmas axitadas ao vento.
|