Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Trujillo, berce de conquistadores
Afincada na provincia de Cáceres, a tan só 47 quilómetros da capital, Trujillo é unha cidade estremeña que convida o visitante a realizar unha viaxe no tempo e seguir os pasos emprendidos polos seus fillos pródigos Pizarro e Francisco Orellana. Tal vez os seus tesouros arquitectónicos medievais foron impulso e inspiración para que estes bravíos navegantes emprendesen as súas xestas na mar
Plaza Mayor de Trujillo

Unha simple mirada ao horizonte da cidade de Trujillo, na provincia de Cáceres, revela a miscelánea identidade desta prolixa localidade de Estremadura, rica en oriúndos ilustres tanto como en patrimonio arquitectónico. Os restos da súa muralla árabe e as torres de Santa María la Mayor e Santiago son lindes da súa paisaxe histórica, marco desde o que Francisco Pizarro se embarcou nas súa máis afamada aventura naval que culminaría co descubrimento de Perú.

A figura do aventureiro español é o emblema da cidade. Montado no seu cabalo, preside a Plaza Mayor, centro neurálxico de Trujillo. A figura ecuestre de bronce, cun peso de 6.500 quilogramos, foi realizada no ano 1927. Para coñecer con maior profundidade a figura de Pizarro é recomendábel a visita á casa museo Pizarro. A casona medieval, do século XV, está brasonada co escudo da familia do conquistador. A Plaza Mayor, rodeada de belas porticadas, é un habitual centro de reunión e a hospedaxe dos mellores restaurantes. 

Templos testemuñas da historia
Monasterio de Guadalupe

A Igrexa de San Martín, construída no século XVI sobre preceptos do xa decadente barroco, é un testemuño mudo do devir da historia. O acceso ao templo realízase polas dúas portas, a occidental, de estilo renacentista e a meridional, coñecida como “a Porta de Las Limas” polos froitos tallados nela. Xunto a ela celebrábanse os concellos da cidade. 

A de Santiago é unha das igrexas máis primitivas e interesante do Trujillo medieval. A súa construción iniciouse durante a década do século XII. Tras habilitar a súa parte baixa, a edificación foi abandonada pola conquista almohade de 1196 para ser retomada tras a reconquista, xa cun estilo romántico tardío.

A igrexa de Santa María la Mayor foi un edificio tardo románico do século XIII do que se conservan escasos vestixios orixinais, pois foi reconstruída no popular -alá polo século XVI- estilo gótico. A pesar de sufrir adversidades ao longo da historia, é hoxe en día un valiosísimo legado arquitectónico. Dos seus dous campanarios, o máis coñecido é a denominada “Torre Julia”, unha fiel reconstrución do século XX da orixinal, que foi derruída en 1871 tras sufrir danos estruturais irreparábeis durante dous terremotos. O campanario tamén se fixo célebre na década dos 70, xa que un dos artesáns encargados de elaborar os ornamentos durante a reprodución da torre tomouse a licenza de esculpir, a modo de capitel, un escudo do Athletic de Bilbao.

A herdanza árabe
Vista general de Trujillo
O paso dos árabes por Trujillo legou á cidade dúas importantes fortificacións. O castelo, que domina desde o promontorio toda a cidade e a muralla. Foi construído entre os séculos IX e X sobre o extremo do recinto amurallado. A súa parte máis antiga é o denominado patio de armas, un recinto cadrado rodeado de torres prismáticas. No recinto poden admirarse as portas creadas por arcos de ferradura e dous alxibes depósitos de auga, que se conservan no seu interior.
Ruta dos conquistadores
imagen

Como se de algo místico se tratase, un triángulo conforma no mapa a ruta dos conquistadores, tres localidades que tiveron o privilexio de ver partir aos audaces descubridores de terras afastadas. Tres das localidades máis emblemáticas na denominada  ruta dos conquistadores son Trujillo, berce de Pizarro, Orellana e García de Paredes, Medellín, poboación que veu nacer a Hernán Cortés e Guadalupe, centro evanxelizador do medievo español. 

Guadalupe conserva intacta a atmosfera de retiro espiritual adquirida durante a Idade Media. Resulta ineludíbel a visita ao seu  mosteiro, Patrimonio da Humanidade e foco cultural, relixioso e político, que garda no seu interior enormes riquezas artísticas e arquitectónicas. Á sombra do centro relixioso esténdese La Puebla, unha complicada trama de rúas encantadoras. En Medellín, é unha fortificación árabe construída entre os séculos X e XII a que vela a cidade. Sobre o solar onde orixinariamente estivo a casa do nacemento de Hernán Cortés eríxese hoxe en día un monumento en homenaxe ás súas fazañas. É altamente recomendábel deixarse imbuír do romanticismo que impregna o paseo pola Ponte Barroca, construído en tempos de Filipe IV e que salva o río Guadiana ao seu paso pola localidade.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva