Inicio Contacto Tenda Usuarios Rexistrados
RutasRueirosMapasTurismoGastronomíaClub Guía Campsa


Turismo Náutico en Galicia
As estupendas condicións xeográficas que reúne a costa galega están propiciando a expansión do turismo náutico
Galicia sempre foi unha terra que viviu por e para o mar. Os tempos cambian e a pesca vive épocas de crise, pero a comunidade descubriu outra forma de explotar turisticamente as súas costas na era da cultura do ocio. Os máis de mil quilómetros de franxa costeira e as rías galegas, fan do noroeste español un destino inmellorábel para a navegación
Da Volvo ao turismo
Embarcadero

O punto de inflexión en que Galicia se fixo oco no panorama náutico internacional tivo lugar en 2005 protagonizando a primeira saída da Volta ao Mundo de Vela fora das illas británicas. Desde a Volvo Ocean Race, a comunidade entregouse ao deporte da vela e isto lle permitiu albergar outros eventos de primeiro nivel. Como consecuencia, os subsectores integrados no ocio acuático comezaron a pesar cada vez máis no turismo galego. 

Nos últimos anos demostrou ser un destino náutico preferente grazas á súa extensa costa e unhas instalacións portuarias de primeiro nivel, cifradas en máis de 8.000 amarres ao longo de 23 portos, desde Ribadeo ata Baiona. O ente público autonómico Portos de Galicia, que vén desenvolvendo un ambicioso programa de fomento da náutica, tanto deportiva como de ocio. Un gran investimento que se viu traducido en infraestruturas e servizos nos máis de 120 peiraos que xestiona a Xunta. 

Vela, submarinismo, remo, piragüismo, surf e outras modalidades do ocio acuático revélanse desta forma como piares fundamentais na economía e o atractivo da Galicia actual.  

E.N. Ribadeo
Puerto deportivo

En Galicia hai dúas grandes escolas náuticas. Unha está na costa de Ribadeo, que conxuga un entorno ideal para a práctica deste tipo de deportes con fermosas paisaxes e unha exquisita gastronomía. Ribadeo Estación Náutica ofrece ao amante destas modalidades deportivas as mellores condicións de seguridade, confort e profesionalidade cunha extensa variedade de actividades tanto dentro como fóra da auga.

A vila lucense na que se sitúa a estación, Ribadeo, é un enclave privilexiado no extremo oriental da comunidade galega, lindando con terras asturianas. Por isto coñéceselle popularmente como “Porta Norte” xa que fai de entrada e saída natural de Galicia, sendo ademais paso obrigado do ramal setentrional do Camiño de Santiago. O fermoso patrimonio natural e paisaxístico da vila agrada a calquera visitante, comezando polo rochoso litoral cheo de sinuosos acantilados.

Hai que recoñecer a riqueza ecolóxica da protexida Ría de Ribadeo, así como a Praia das Catedrais, ambas incluídas na lista europea Rede Natura 2000. No tocante ao entorno urbano, pódense contemplar os fermosos recunchos que depara a súa zona vella, de relevancia arquitectónica e histórica. Entre o conxunto salientan as casas señoriais de estilo neoclásico, as capelas románicas e góticas ou as casas dos indianos. E por suposto está a gastronomía típica galega, neste caso con influencias da asturiana e algunhas especialidades da zona.

E.N. Rías Baixas
Barca de vela

A gastronomía é máis protagonista se cabe na Estación Náutica Rías Baixas, centro turístico que tamén atrae polos seus excelentes peixes e mariscos, así como o viño Albariño. Neste, o estuario máis grande de Galicia composto polas cinco Rías, a práctica dos deportes de mar é toda unha tentación, mentres o turista goza do relax das súas paisaxes. 

A tranquilidade que achegan o azul do Atlántico e o Miño, así como o verde dos campos, determinan unha paisaxe única, tranquila e por isto a máis indicada para  deportes como a pesca, cruceiros, charters, catamarán, esquí náutico, parasailing, submarinismo e vela. Outras bondades son a suave temperatura e a regulación que as illas exercen sobre a forza das olas antes de entrar na ría. Isto facilita unha navegación máis pracenteira.

A formación das illas, á marxe de lendas de orixe divina, é froito da erosión provocada pola auga xunto cos movementos da terra. Fai millóns de anos, o océano invadiu os vales xerándose amplos regueiros de auga salgada a salvo da violencia do mar aberto. Unha bendición ecolóxica que propicia que miles de persoas elixan cada ano estas paraxes para a practica dos deportes relacionados co mar. E é que os dezaseis portos ao longo da Ría de Arousa ata Sanxenxo seducen a calquera afeccionado.

  © Repsol YPF 2001-2008 Mapa Web Nota Legal Proteción de datos Contacto Boletíns
repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva