 
España ao ritmo da música
|
|
|
 |
|
En verán, son multitude as cidades españolas que vibran ao ritmo da mellor música. Os distintos festivais que visten de acordes a xeografía española representan un excelente fío musical para coñecer en profundidade distintas localidades do país
|
 |
|
 |
| |
 |
|
España é un pracer para todos os sentidos e, en verán, agarímase como nunca o sentido do oído. O país é sede de multitude de acontecementos musicais con elevado prestixio internacional. Son citas xa consolidadas que abranguen todos os estilos e conseguen atraer non só a gran cantidade de público desexoso de escoitar a mellor música, senón tamén aos artistas máis representativos do panorama mundial. Aínda que as actuacións musicais son o eixo principal destes eventos, a programación adoita incluír actividades paralelas que converten aos asistentes en protagonistas: dende talleres prácticos ata conferencias maxistrais, pasando por xornadas, seminarios e unha ampla gama de servizos, que fan da estancia un recordo memorábel máis alá da música. Sexa cal sexa a súa preferencia musical, o melómano atopa en España polo menos unha cita ineludíbel. O Festival Internacional de Santander e o de Granada son algunhas das citas imprescindíbeis para os amantes da música clásica. Para os que vibren ao son do selecto jazz no quererán perderse, entre outros eventos, o Festival de Jazz de Vitoria-Gasteiz ou o Jazzaldia de San Sebastián; e, se se trata do temperamental e xenuíno flamenco, o Festival Internacional do Cante das Minas e o Festival da Guitarra de Córdoba son dous espazos idóneos para gozar do flamenco en todos os seus matices. O pop-rock, as novas tendencias e os estilos alternativos protagonizan encontros multitudinarios como o Sónar ou o FIB, mentres que as chamadas músicas do mundo e o folclore teñen o seu espazo en festivais como o Festival Folklórico dos Pirineos, o Etnosur, o Grec, La Mar de Músicas ou o Festival celta de Ortigueira. |
 |
|
Próximas citas |
 |
 |
| |
|  |
Aínda queda por diante moito verán e moitas olas de distintas correntes musicais dispóñense a inundar a xeografía española. O Summercase é unha cita imprescindíbel para os amantes do indie rock, indie pop e a música electrónica. Este festival, que terá lugar este ano os días 18 e 19 de xullo, desenvólvese en dous escenarios, un en Barcelona, no Parc del Fòrum, e outro en Boadilla del Monte, en Madrid. Os artistas fan un bo uso da ponte aérea e repártense os horarios para que a música non pare en ningún dos dous enclaves. Este ano encabezan o cartel a mítica banda inglesa Sex Pistols, abandeirados do movemento punk, Blondie, banda de orixe neoiorquina instalada na crista da Nova Ola e The Verve, banda británica de rock e britpop. O Festival Internacional de Benicàssim, tamén coñecido como FIB Heineken, é un evento diverso de música independente, pop, rock, electrónica e doutros tipos, que se complementa con outras actividades como teatro, moda, cine... A localidade castellonenca prepárase para acoller os días 17, 18, 19 e 20 de xullo artistas internacionais do talle de Morrisey, Leonard Cohen, La casa azul, Babyshambles, Mika, My Bloody Valentine e New York Dolls, entre outros moitos. O intenso festival conta con case un centenar de artistas no cartel deste ano, unha forte aposta para non parar de bailar. Para os amantes do rock en estado puro, un dos festivais favoritos é o Viña Rock, que celebra este ano a súa decimoterceira edición en Paiporta (Valencia) os días 26, 27 e 28 de xullo. Sobre as súas táboas danse cita bandas míticas para mover a melena como Extremoduro, Mägo de Oz, Saratoga, Rosendo, Mojinos Escozíos, Muchachito Bombo Infierno, Barón Rojo ou Def Con Dos. O denominado Festival Arte-Nativo conta este ano ademais cunha atracción canto menos chocante. A loita libre mexicana, ao máis puro estilo enmascarado de Pressing Catch, amenizará os intermedios musicais. Nesta mesma liña móvense as ondas do Lorca Rock, na localidade murciana de Lorca. Acolle este ano, entre os días 25 e 26 de xullo, a segunda xuventude da icona metálica alemá Helloween, os grandes himnos do hard rock americano da man de White Lion, os asturianos Warcry, o Black Rose immortal de Opeth, os finlandeses e incribelmente eurovisivos Lordi e os seus compatriotas Nightwish, entre outros grupos de renome internacional. |
 |
|
E en agosto, máis |
 |
Se os meses de xuño e xullo son prolíferos en festivais, agosto leva a palma. Só na primeira quincena do mes, terán lugar o gran festival de música electrónica Creamfields, en Vigo (Pontevedra) o 2 de agosto e en Almería (Andalucía), o 9 de agosto; o Ola Festival, tamén en Almería, o 15 de agosto, o Sonorama, en Aranda de Duero (Burgos) entre o 14 e o 16 de agosto … a mellor música, un clima ideal e o ambiente perfecto para pasar un verán completo sen abandonar as fronteiras peninsulares.
|
|