San Isidro madrileño: zarzuela, chulapos e touros
As pradarías de San Isidro engalánanse para honrar ao seu homónimo patrón, cuxo día grande se celebra o día 15 de maio
Aos madrileños sábelles a pouco unha única xornada para homenaxear como merece Santo Isidro, polo que os festexos se estenden dende o día 14 e ata o 18. A tradición manda, polo que Madrid vístese de zarzuelas e os madrileños de chulapos e chulapas. Tamén hai espazo para a innovación: El Bicho será a actuación estelar das festas, aínda que tamén haberá espazo para a música de orquestra, a clásica e o jazz.
San Isidro

Son varios os milagres que se lle atribúen a Santo Isidro Labrador, entre os máis notábeis figura o do pozo, no que a súa oración fixo elevar as augas dun pozo onde caera o seu fillo, posteriormente coñecido como Santo Illán. Cabería atribuírlle a Santo Isidro outro mérito, tan terreal como divino: o de unir nunha soa voz os millóns de madrileños en cada un dos seus distritos que cada ano se congregan en torno á súa figura. 

Fieis á tradición os chulapos e as chulapas madrileños ultiman hoxe os detalles, empezando pola súa rexional e característica vestimenta, para celebrar con plena magnitude o día grande do patrón como cada 15 de maio, efeméride da defunción do seu venerado santo, quen faleceu ese mesmo día no ano 1130. O día grande iníciase cunha romaría, procesión do Santo e coa tradición de beber auga do pozo onde Santo Isidro obrou un milagre.

Non cabe dor máis alá das sinceras bágoas de devoción nos festexos de Santo Isidro. A festa apodérase das rúas de Madrid, porque ¿quen non desexaría ser recordado cun sorriso?.

Touros
San Isidro

A Feira de San Isidro é unha cita raíña para os amantes da arte de "Cúchares". Un ambicioso cartel colga da praza de Las Ventas, con figuras de arte e de gala que farán as delicias da bancada. Non hai mansos para os destros, senón bravíos touros das mellores gandarías que venderán cara a súa vida ante os toureiros de primeira liña que pisarán a area de Las Ventas. O cartel da feira da tauromaquia por excelencia comeza o día 8 de maio e culmina o día 31. 

O día grande de San Isidro serán os toureiros El Cid e Alejandro Talavante os encargados de demostrar a súa arte, nunha cita esperadísima polos afeccionados. Un día despois, o 16 de maio, touros de Marqués Domecq porán a proba o tempero de Rafaelillo, Iván Vicente e Javier Valverde. O sábado 17 será a quenda para os toureiros dacabalo Joao Moura, Pablo Hermoso e Andy Cartagena. O domingo 18, Luis F. Esplá, Pepín Liria e Serranito terán a oportunidade de saír a ombros pola porta grande. 

No extenso cartel, que abrangue un total de 23 corridas dentro de abono, brillan os nomes de destros entregados á súa arte, como son El Juli- os días 23 e 27 de maio, ademais do 3 de xuño na Feira Aniversario- ou Miguel Abellán, quen comparte cartel con El Juli o día 27 e pisará a area tamén como cabeza de cartel xunto a Matías Tejela o 8 de xuño.

Actividades para todos os gustos
San Isidro

Os sons da tradicional zarzuela da Praza Maior non son os únicos sons que poden escoitarse nos San Isidros madrileños. Nun esforzo por conciliar tradición e modernidade, por unir a todas as xeracións en torno á celebración, un calendario de concertos nocturnos desafiarán os pés máis cansos. 

O Palacio de Congresos e Exposicións abre as súas postas o día 14 para acoller o flamenco con olor a verán de "El Bicho". No Club de Campo Villa de Madrid, durante a totalidade das xornadas festivas, poderá gozarse de concertos de música clásica e de jazz, de 11.30 a 14.30 horas e de 17.30 a 22 horas.

Zarzuelas cómicas no Centro Cultural Galileo, espectáculos de monicreques en El Retiro, cocido madrileño o domingo da man de Aldeas Infantiles, teatro, IV Ciclo de Bandas de Música no parque Peñuelas, a celebración do Día Internacional dos Museos o domingo 18... son só uns exemplos azarosos dentro da extensa programación que ofrecen as festividades de San Isidro en Madrid. Unha oferta ampla e distinta para contentar todos os gustos, todos as idades, todos os soños e todas as motivacións.  


Contactar  -  © Repsol YPF 2001-2008  -  Nota Legal   -  Proteción de datos

repsolypf.com é membro de Confianza En liña e asume e actúa segundo o seu Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva